Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de maio de 2017

O Teatro Rosalía acollerá unha nova edición do ciclo TRC Danza, que conta con 11 actuacións ao longo do ano e un proxecto expandido “que relaciona a artistas e cidadanía”

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, destacou “o gran nivel de programación deste ano, especialmente centrado nas vertentes modernas, que deixa ver o gran momento dos e das artistas galegas”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a nova edición de TRC Danza, programa estable de artes do movemento do Teatro Rosalía de Castro, que se desenvolverá na cidade até o mes de decembro e que conta ademais cun proxecto de Programación Expandida de mediación cultural, que busca achegar a artistas e cidadanía. O edil destacou "o gran nivel da programación deste ano, centrada nas vertentes modernas, con compañías punteiras no Estado español, e que deixa ver o altísimo nivel nas artes escénicas dos e das artistas galegas e coruñesas", como é o caso de Janet Novás, Ánxela Blanco ou Andrea Quintana.

A primeira actuación dentro do ciclo TRC Danza tivo lugar o pasado 28 de abril, e formou parte dunha programación especial con motivo do Día Internacional da Danza, que consistiu na estrea absoluta do espectáculo de danza-teatro Green, de Patricia Ruz. Á marxe desta, a primeira obra que formará parte deste ciclo será Ulises e a Nena Durmida, que terá lugar no Rosalía o sábado 20 de maio. Un espectáculo de danza contemporánea que explota o mito de Ulises. O sábado 10 de xuño a Fundación Psico Ballet Maite León ofrece Mesa para Tr3s, que conta con tres propostas escénicas de Balhaus, de Antonio Cruz, Café de Patricia Ruz e Des/envolturas, de Amaya Galeote. A programación contará coa obra Si pudiera hablar de esto no haría esto, da compañía de Janet Novás, unha das figuras máis destacadas da danza contemporánea estatal, segundo destacou o director do Teatro Rosalía, Xosé Carlos Rodríguez.

Como noutras edicións, o ciclo estable TRC Danza fará un parón estival para retomar a actividade en setembro. En concreto, o día 16 terá lugar o espectáculo de danza contemporánea Hollywood. Unha obra de Andrea Quintana e Alberto Cortés no que, sobre o escenario, dous actores que dobran unha escena de cinema na que morreu alguén reflexionan sobre conceptos como o triunfo ou o fracaso. O 30 de setembro terá lugar Undostresundos, do recoñecido creador catalán Alberto Quesada, que reflexiona sobre o que é o flamenco. O 11 de outubro o Rosalía acollerá Una Conferencia Bailada de Toni Jodar, espectáculo desenvolvido por BdDansa en coproducción con Mercat de les Flors e que está entre a conferencia e o espectáculo.

Posteriormente, o 28 de outubro será o turno do espectáculo de novas vangardas Lur Away de Sra Plaroiska, e que fala da supervivencia coma unha arte multidisciplinar que require do coñecemento de técnicas variadas e distintas disciplinas. O 11 de novembro A Coruña acollerá outra recoñecida obra de danza moderna e contemporánea, Kokoro, da compañía Laly Ayguadé, que narra a historia de catro persoas na busca da súa identidade. O 24 do mesmo mes tocaralle a vez a Áureo, a última produción de Dantzaz, conformada por cinco pezas breves onde se dan cita a danza moderna coa contemporánea, a liberdade de creación e o compromiso artístico. O último dos espectáculos que conformarán o ciclo TRC terá lugar o 16 de decembro. Trátase de El Quinto Invierno de Mal Pelo, e trata da a relación entre dúas persoas nun espazo onde esperan en silencio a que pase o inverno.

Á vez, e durante toda a tempada a programación estará acompañada co proxecto de programación expandida que busca "articular mecanismos de relacións entre os e as artistas convidadas e a cidadanía" e no que o ano pasado participaron máis de 600 persoas. "A través de diferentes actividades, pensadas en colaboración con distintas comunidades e colectivos da cidade, poderemos coñecer de forma máis profunda os universos artísticos das compañías convidadas, así como reforzar os seus vínculos coa cidade", destacou Rodríguez. (A información relacionada con este proxecto e as súas actividades serán difundidas ao longo no ano mediante as canles propias de TRC: www.facebook.com/trcdanza e www.pe-trcdanza.gal).

Todas as funcións se representarán as 20.30 horas, oscilando as tarifas entre os 12 e os 7 euros. Tamén será posible comprar o abono, polo que se consegue unha rebaixa dun 25% coa compra conxunta de, como mínimo, 6 espectáculos. As persoas maiores de 65 anos, con carnet xoven ou desempregados optan a un desconto do 20%, mentres os grupos de máis de 20 persoas en compra anticipada terán descontos do 50%. Os billetes poderán adquirirse no despacho de billetes da Praza de Ourense, no Teatro Rosalía de Castro, mediante Televenta no teléfono 902 044 226, ou na web www.ticketea.com.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión