Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xuño de 2026

O Teatro Rosalía de Castro acollerá a gala polo 50 aniversario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

A cita, que terá lugar o 1 de xullo, reunirá música, humor, danza e literatura nun evento multidisciplinar aberto á cidadanía

O Teatro Rosalía de Castro acollerá o vindeiro mércores, 1 de xullo, ás 20.00 horas, a Gala do 50 aniversario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, unha cita especial coa que a entidade conmemora medio século de actividade cultural e compromiso coa lingua e coa sociedade galega.A gala foi presentada esta mañá polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou a relevancia dunha agrupación "nacida no verán de 1976 da man dunha mocidade comprometida coa defensa da lingua galega e coa necesidade de artellar espazos de resistencia cultural". 

Castro puxo en valor o papel da entidade ao longo destas cinco décadas, subliñando que "segue a manter vivos os seus principios fundacionais, baseados na defensa da cultura galega, a memoria histórica, o feminismo e o compromiso co territorio". Así mesmo, o edil tamén destacou as liñas de traballo e colaboración abertas entre o Goberno de Inés Rey e a agrupación. Na actualidade, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda conta con máis de 400 socias e socios e desenvolve arredor de 200 actividades anuais, consolidándose como un axente fundamental na dinamización cultural da cidade. 

Entre as súas iniciativas destacan proxectos como 'A Coruña das Mulleres' ou 'A Coruña Literaria', ademais doutras propostas vinculadas ao teatro, á lectura ou á radio, que poñen de manifesto a capacidade da cultura como ferramenta de cohesión social. O concelleiro salientou tamén a súa forma de traballo, baseada na colaboración con outras entidades: "trátase dunha cultura construída con moitas mans xuntas, desde o traballo colectivo e as sinerxías co tecido asociativo". 

Unha gala que reflicte a diversidade cultural

A gala do 50 aniversario pretende ser un reflexo da diversidade e da calidade da cultura galega actual a través dunha proposta multidisciplinar. O programa inclúe a participación de artistas como Raúl Galego e Mercedes Peón na vertente musical; o humor de Mofa e Befa; a danza contemporánea de Antía Goyene e Dadaneras -cunha homenaxe audiovisual e escénica a Maruxa Mallo-; e a literatura na voz de Eva Veiga. O evento estará presentado por Chus Álvarez e dirixido por Clara Porta, nunha produción que conta coa colaboración de diversas entidades culturais. 

Desde o Concello da Coruña anímase á cidadanía a asistir a esta celebración, que busca facer balance do camiño percorrido e, ao tempo, proxectar novos retos de futuro para a cultura galega. "Convidamos a toda a veciñanza a encher o Teatro Rosalía de Castro para celebrar o pasado, gozar do presente e seguir construíndo colectivamente o futuro da nosa cultura", concluíu Castro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión