Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de setembro de 2016

Os mercados municipais inician este sábado unha campaña de obradoiros gastronómicos infantís para fomentar os hábitos alimenticios saudables e potenciar o comercio de proximidade

Os talleres, dirixidos a menores de entre 4 e 12 anos, terán lugar os sábados de setembro, outubro e novembro, entre as 11.00 e as 13.30 horas, e comezarán na praza das Conchiñas

A Concellería de Emprego e Economía Social pon en marcha desde este sábado, día 24, no mercado das Conchiñas, e ata finais de novembro unha campaña de obradoiros infantís gastronómicos nas distintas prazas de abastos municipais, dentro das accións dirixidas á dinamización destes espazos. O obxectivo, indica o concelleiro desta área, Alberto Lema, pasa por "crear bos hábitos alimenticios na poboación infantil e, ao tempo, familiarizar aos e ás pequenas co servizo de calidade que ofrecen os mercados municipais, unhas infraestruturas que o Goberno local considera estratéxicas, tanto pola súa capacidade económica, na aposta polo comercio de proximidade, e xeradora de postos de traballo como polo que representan a nivel social nos barrios onde se asentan, como espazos de relación e cohesión".

A iniciativa está dirixida a menores de entre os 4 e os 12 anos, que se dividirán por rangos de idade en dous grupos (de 4 a 6 anos, o grupo 1, e de 7 a 12 anos, o grupo 2). Deste xeito, as accións comezarán nas Conchiñas este sábado, cun taller para o grupo de menor idade (grupo 1) entre as 11.00 e as 13.30 horas, mentres que o grupo 2 poderá participar no obradoiro das Conchiñas o sábado seguinte, 1 de outubro, no mesmo horario. A seguinte semana, a acción trasládase a San Agustín: o sábado 8 haberá taller para o grupo 1, e o día 15, para o grupo 2. O seguinte mercado en acoller esta iniciativa será o de Elviña, cun taller o sábado 22 para o grupo de menores e ao seguinte, día 29, para os nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Xa en novembro, os obradoiros chegarán ao mercado Eusebio da Guarda (praza de Lugo), os días 5 e 11, mentres que o mercado de Monte Alto celebrará os seus obradoiros infantís os días 19 e 26.

Os grupos estarán compostos por un máximo de 15 participantes. Para apuntase, as e os interesados deberán cubrir unhas fichas de inscrición que están dispoñibles nas conserxerías dos mercados. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión