14 de agosto de 2026
Os mapas habilitáronse para facilitar a identificación dos puntos de observación nos barrios e tamén para informar con antelación sobre o dispositivo de tráfico, seguridade e mobilidade o 12 de agosto
Un dos principais eixos sobre os que se sustentou o dispositivo de seguridade e mobilidade do Concello de cara á xornada da eclipse foi a difusión previa dos diversos puntos de proximidade identificados para seguir o evento astronómico desde os barrios da Coruña.
Por iso, meses atrás, os servizos municipais habilitaron na páxina web do Concello un apartado específico para aglutinar toda a información relativa á programación de actividades relacionadas coa eclipse, que incluíu tamén a publicación de diversos visores interactivos moi útiles para resolver dúbidas en termos de planificación do transporte e cortes de tráfico.
Neste sentido, ademais, dun mapa dixital que recolliu os máis de 40 enclaves de observación da eclipse identificados na Coruña, o Concello tamén habilitou outro visor que incluíu toda a información relacionada coa rede de aparcadoiros disuasorios disposta cola colaboración da UDC, o servizo especial de transporte público de cara á xornada deste mércores 12 e os desvíos recomendados en caso de desprazarse en vehículo privado.
En total, e desde a súa publicación na web do Concello, este apartado rexistrou case 200.000 visualizacións, reflectindo o seu valor como ferramenta de asistencia para axudar á planificación dos milleiros de persoas que optaron pola cidade herculina como o seu lugar para asistir a un fenómeno único.
A alcaldesa, Inés Rey, amosou o seu agradecemento aos profesionais dos servizos municipais que traballaron en equipo para artellar estes visores dixitais, habilitados para a súa consulta en dispositivos móbiles: "Iniciativas como esta, que implicaron a compañeiras e compañeiros de áreas como Mobilidade e Museos Científicos, entre moitas outras, poden ter un impacto moi positivo para traballar en clave preventiva, tanto en xornadas de gran afluencia como en situacións ou eventos que poden supor incidencias de mobilidade e tráfico a maior escala", expuso a rexedora.
Nos últimos anos, o Concello vén apostando polo uso destes visores interactivos para facer máis sinxela a comunicación coa cidadanía en contextos como, por exemplo, o desenvolvemento de probas deportivas como as carreiras populares ou obras que implican cortes de tráfico en vías de alta capacidade.
Dous exemplos moi recentes foron os xeoaplicativos creados polos servizos municipais de cara a eventos como O Gran Camiño ou a demolición do viaduto das Xubias para avanzar nas obras do Novo Chuac. Ambos os visores superaron as 25.000 visualizacións na web.
"No futuro seguiremos reforzando esta canle de comunicación en formato interactivo porque entendemos que, ademais de complementar os avisos e información física, que siguen a ser necesarios, tamén nos axuda a modernizar o tipo de resposta que se lle dá á cidadanía en contextos especiais de tráfico e mobilidade, nos que planificar os desprazamentos con antelación é fundamental", expresou Rey.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible