7 de marzo de 2026
A iniciativa reuniu tamén a case un cento de nais e pais nun programa de charlas sobre tecnoloxía, igualdade e futuro profesional
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, interveu esta mañá no peche da nova edición da xornada Oracle4Girls, unha iniciativa posta en marcha pola Universidade da Coruña destinada a fomentar as vocacións STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas- entre as nenas e rapazas novas e contribuír á redución da fenda de xénero no ámbito tecnolóxico.
A actividade reuniu preto de 160 nenas de entre 4 e 16 anos, que participaron en distintos obradoiros prácticos de programación, robótica e intelixencia artificial, adaptados ás diferentes idades. A xornada contou tamén coa asistencia de case un cento de nais e pais, que participaron nun programa paralelo de charlas centrado na importancia da educación científica e tecnolóxica.
Entre as relatoras estiveron Verónica Bolón Canedo, directora da Cátedra UDC-INDITEX de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes, que impartiu a conferencia "Muller, Ciencia e Intelixencia Artificial"; Gema Vázquez Domínguez, coordinadora da área de Enxeñaría de Software en ALDABA, coa charla "Tecnoloxía sen mulleres, futuro incompleto"; e Paula María Castro Castro, profesora titular da Universidade da Coruña e adxunta de Empregabilidade, que falou sobre as oportunidades académicas e profesionais das carreiras STEM na conferencia "Entra no futuro: estuda STEM na Universidade da Coruña".
Canosa puxo en valor a importancia de manter viva a curiosidade científica desde idades temperás. Durante a súa intervención destacou que "a curiosidade é o punto de partida de toda vocación científica e é fundamental que as nenas non a perdan polo camiño. A ciencia e a tecnoloxía tamén son espazos nos que poden desenvolver todo o seu talento".Canosa subliñou tamén o papel dos referentes femininos no ámbito tecnolóxico, sinalando que iniciativas como Oracle4Girls permiten que as máis novas "poidan verse reflectidas en mulleres que lideran proxectos de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico".No acto participaron tamén Marta Sande Eslava, directora da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña. A xornada concluíu coa entrega de diplomas ás nenas participantes, como recoñecemento á súa implicación nas actividades desenvolvidas ao longo do día.

26 de marzo de 2026

23 de marzo de 2026

17 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible