Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xuño de 2026

Recta final das obras de urbanización entre Antonio Ríos e Cerca, onde se está a acondicionar un soar e a conectar os percorridos peonís da contorna

Nos vindeiros días materializarase a modificación dos sentidos de circulación prevista nesta zona, valorada polo Concello baseada nas demandas veciñais

O Concello ultima no Castrillón unha nova actuación correspondente ao Plan de barrios 2025-27: a urbanización parcial dun antigo soar sen acondicionar entre as rúas Antonio Ríos e Cerca, carente de beirarrúas ao seu arredor, que dificultaba o tránsito peonil nesta parte do distrito.

Tras meses de traballos, a reconfiguración desta parcela xa está na súa fase final. Xa é visible unha nova área de lecer construída sobre o soar e, ademais, os novos percorridos peonís habilitados para mellorar a accesibilidade na contorna e salvar o desnivel existente na zona. Isto aparellou a creación de novas beirarrúas e un novo treito de escaleiras, mais tamén a remodelación dos cruzamentos e pasos peonís próximos.

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou a importancia desta intervención, xa que o aproveitamento do soar -que tamén era un foco de insalubridade- era unha demanda veciñal que se remontaba moi atrás no tempo. Agora, non só se está a urbanizar, senón que tamén se está a adaptar para contar con áreas verdes coidadas e novas árbores.

"Estamos comprometidos coas melloras no Castrillón. Transformar a cidade non pasa unicamente por abordar macroproxectos, tamén por atender e escoitar as necesidades cotiás das persoas residentes e mellorar a súa calidade de vida. Neste caso, confiamos en que a urbanización do soar entre as rúas Antonio Ríos e Cerca terá un impacto positivo non só nesta parte do barrio, senón no seu conxunto", indicou Rey, que fixo fincapé no perfil poboacional do Castrillón, un dos distritos da cidade que conta cunha maior porcentaxe de veciñas e veciños por riba dos 65 anos.

A rexedora agradeceu a paciencia e comprensión das veciñas e veciños ao longo destes meses de obras nun punto especialmente sensible para actuar, pola orografía da zona.

Rey lembrou que, en paralelo, o Concello avanza coa execución das obras da nova praza de José María Hernansáez, traballos nos que se investirá un millón de euros.

Nos vindeiros días, modificación dos sentidos de circulación no rueiro do barrio

En paralelo á recta final das obras entre Antonio Ríos e a Cerca, e tras valorar as demandas das persoas residentes na contorna, o Concello procederá o martes 16 a modificar os sentidos de circulación nas rúas Antonio Ríos (só no treito entre Alcalde Casares Teijeiro e Castrillón) e Cerca.

O cambio busca reforzar a seguridade viaria e facilitar o tránsito de vehículos nesta parte do barrio tras a urbanización do soar, despois de que se estudasen os fluxos de circulación no conxunto dese rueiro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión