Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de maio de 2020

Rey presenta o Plan de mobilidade, en que se lle dará prioridade ao uso cidadán das rúas como espazos públicos diversos

A alcaldesa da Coruña anunciou que nos próximos días establecerase a zona 10 naquelas rúas dun único carril de circulación e durante a franxa horaria de 20.00 a 23.00 horas para priorizar as saídas a pé da veciñanza nesta desescalada

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o Plan de mobilidade en que o concello leva traballando dez meses co fin de lle dar protagonismo á cidadanía nesa puxa polos corredores verdes, a peonalización das rúas e a mellora do transporte público, que contará con carrís específicos para o bus e o taxi e con plataformas únicas. A rexedora falou da necesidade de reducirmos o uso do coche privado e de optarmos por enerxías alternativas que favorezan a sustentabilidade xunto a outras medidas como a determinación de Cidade 30 e a regulación provisional dos VPM, dúas cuestións que, segundo o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, se aprobarán este mes.

Rey explicou que se aumentará a frota de BiciCoruña con 500 unidades máis, a metade delas eléctricas, nunha rede que contará con máis de 12 estacións novas: "O plan non responde a unha improvisación nin se deriva da situación vivida coa pandemia, é froito de meses de traballo. Todas as actuacións están estudadas, contrastadas e analizadas polas persoas que forman a Mesa de Mobilidade".

Por outra banda, a alcaldesa sinalou que xa están redactados os proxectos para peonalizar definitivamente as rúas Compostela e Alcalde Marchesi, e que prefire usar os termos "cidadás e cidadáns" en vez de "peoas e peóns" porque se trata de recuperar espazos públicos para que a veciñanza estableza relacións sociais e "avanzarmos así cara a novos dereitos en que as e os coruñeses desfruten dese contorno urbano". Asegurou que esta área pivotará nas próximas décadas sobre o transporte público e o tránsito peonil e que este plan ten unha extensión "metropolitana" polos fluxos de comunicación entre a cidade e a súa área. Canto á mobilidade entre os municipios da comarca, recordou que esta é moito máis dura, co coche particular como a opción maioritaria, "unha situación insostible desde o punto de vista ambiental, administrativo, polo custo de combustibles e de mantemento das infraestruturas, e sanitario: "Cómpre unha continua migración da mobilidade actual a unha máis branda, cunha mellor eficacia do transporte público que reverta nunha maior conectividade e a creación de itinerarios que faciliten a utilización de vehículos brandos".

O plan, que se desenvolverá até 2023, moldeará a cidade para as persoas e permitirá a adhesión da Coruña á Rede de Cidades que Camiñan, "e que, no noso caso, está camiñando xa por viais que falan desta transformación amable: Travesía de Rianxo, Ramón Cabanillas, Puga y Parga, contornas escolares, Juan Flórez e a avenida de Gran Canaria son algúns exemplos, así como a rolda peonil que conectará a Agra co parque de San Diego, a humanización da zona dos Cantóns e Santo André ou a ampliación do paseo marítimo entre o castelo de San Antón e Durmideiras".

Ademais, anunciou que nos próximos días porán en marcha dentro do proceso de desescalada a zona 10 naquelas estradas que sexan dun único carril, en horario de 20.00 a 23.00 horas, que é a franxa horaria destinada ao paseo e á práctica de deporte para a veciñanza entre 14 e 70 anos. Nese tempo, as persoas que vaian a pé serán prioritarias fronte ás que se despracen en coche, polo que Rey pediu que quen teña que coller o vehículo conduza con cautela.

Pola súa parte, o edil manifestou que o plan integral se dará nun contexto metropolitano, "en que A Coruña non pode solucionar un problema de mobilidade sen que as outras administracións e, en concreto, a Xunta, solucionen as conexións metropolitanas". Villoslada afirmou que a peonalización provisional de rúas pola desescalada lles está permitindo realizar probas en relación co tráfico e que no caso das plataformas únicas destinadas ao bus, estas comezarán a instalarse na rolda de Outeiro e no sector de Juan Flórez co fin de desconxestionar o tráfico que circula pola praza de Ourense.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión