10 de maio de 2026
Máis de 1.000 persoas participaron hoxe na carreira entre as diversas categorías. Agora, o circuíto vive a súa conta atrás cara a cuarta cita desta tempada, nos Rosales, o 31 de maio
O circuíto Coruña Corre, organizado polo Concello, regresou hoxe a San Pedro de Visma, escenario dunha das probas máis esixentes da tempada: a baixada popular de cross que percorre o barrio e as sendas do parque de Bens.
Máis de 1.000 persoas participaron na xornada deportiva deste domingo, que arrincou ás 10.00 horas coa disputa da proba en categoría absoluta, na que Antón Gómez López e Inés Papín Estévez foron os gañadores desta edición nas categorías masculina e feminina, respectivamente. Con eles, completaron o podio Abdelaziz Fatihi Chhima e Daniel Fuentes Bardanca, na categoría masculina; e Vanessa Hervada López e Noelia Papín Estévez, na feminina, que cruzaron a liña de meta para ocupar os segundos e terceiros caixóns de premiados.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor o esforzo e tesón das persoas que tomaron parte na carreira, unha das máis esixentes do circuíto tanto pola combinación de superficies (asfalto e terra) como polo desnivel tan marcado na subida pola estrada de Bens como no propio parque.
Tras San Pedro de Visma, conta atrás para a carreira nos Rosales
San Pedro de Visma foi a terceira cita do Coruña Corre 2026, que arrincou a mediados de marzo coa carreira da Torre e, continuou, a posteriori, coa proba que percorreu os barrios de Xuxán, Matogrande e o Sector 7 - Recinto Ferial.
Agora, o circuíto enfila xa o ecuador desta tempada. Será o vindeiro 31 de maio nos Rosales, cuarta data do calendario que, ademais, pecha a primeira parte da programación de carreiras populares polos barrios. Como xa é habitual, o circuíto fará un parón coa chegada dos meses de verán e volverá con forza en setembro, mes da Volta a Oza. De aí en adiante, treito final de tempada coas probas no Ventorrillo e Novo Mesoiro.
Neste sentido, Manuel Vázquez animou á cidadanía a sumarse á comunidade de Coruña Corre e a participar na carreira dos Rosales, un trazado que ten un dos seus grandes atractivos no treito que discurre polo paseo marítimo do Portiño. As inscricións xa están abertas na web de Coruña Corre.

8 de maio de 2026

8 de maio de 2026

8 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible