7 de abril de 2026
A exposición repasa o seu legado a través das distintas etapas vitais deste médico e político
A Casa da Cultura Salvador de Madariaga acolle desde hoxe a mostra 'Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel', que afonda na figura deste médico, escritor e político galego a través de oito paneis informativos. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto de apertura da exposición e destacou que "os espazos expositivos da Coruña están sempre abertos para dar a coñecer a importantes figuras de distintos eidos, como é o caso de Reimóndez Portela".
A mostra constrúe un relato da súa vida en imaxes e textos estruturados en oito bloques: 'Infancia e xuventude', 'A universidade e a guerra', 'Un médico na aldea', 'O médico dos pobres', 'Dinamizador cultural', 'A política', 'Investigador e intelectual' e 'O seu legado'. Con esta exposición búscase presentar a personaxe na súa contorna, nas súas circunstancias, sen valoracións, simplemente percorrendo os fitos mais salientables dos seus 78 anos de vida. "Esta exposición permítenos comprender que o seu legado segue vivo: na memoria da súa comarca, na historia de Galicia e tamén na idea de servizo público que representa. Un servizo público exercido desde a medicina, desde a cultura e desde a responsabilidade institucional", apuntou Castro.
Manuel Reimóndez Portela, nado en San Miguel de Castro (A Estrada) en 1916, foi un médico, escritor e político galego cuxa vida estivo marcada polo compromiso coa súa comunidade e coa cultura galega. De neno emigrou con súa familia a Cuba, onde realizou os estudos primarios e parte do bacharelato, retornando a Galicia en 1932. Iniciou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, estudos interrompidos pola Guerra Civil, mais completados en 1960 coa especialización no aparato dixestivo. Exerceu como médico na súa parroquia natal, gañando o alcume de o Médico dos Pobres polo seu trato humano e a súa entrega á veciñanza.
Na transición política galega destacou como presidente da Comisión redactora do Estatuto dos Dezaseis, o anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1981. Foi alcalde da Estrada entre 1983 e 1987. Ademais, impulsou iniciativas culturais e patrimoniais, dirixiu o museo municipal -hoxe nomeado na súa honra- e deixou unha ampla obra escrita sobre historia local, etnografía e turismo. O seu legado, recoñecido con homenaxes e premios, segue moi presente na comarca tras o seu falecemento en xuño de 1994.

7 de abril de 2026

7 de abril de 2026

6 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible