Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de setembro de 2020

Urbanismo prorrogará a utilización de vía pública para terrazas até o 31 de xaneiro

O Goberno local pretende con esta medida axudar a paliar as perdas económicas do sector durante a pandemia

A Concellería de Urbanismo prorrogará até o 31 de xaneiro as instrucións decretadas o pasado 24 de xuño (7790/2020) canto á instalación de terrazas nas prazas de aparcamento de cara a unha nova normalidade, en función sempre do que o Goberno autonómico determine nas seguintes semanas. Por iso, someterá esta normativa a unha avaliación continuada segundo o marque a evolución da pandemia e da actualización das medidas de prevención que indiquen as autoridades sanitarias. Á vista da realidade epidemiolóxica actual, o Goberno local considera necesario alongar a vixencia destas instrucións até primeiros de ano que vén co fin de axudar a paliar as perdas económicas do sector.

Neste aspecto, a Alcaldía-Presidencia ditou o pasado mes de marzo un Decreto que declarou a situación de urxente necesidade como consecuencia da COVID-19, con medidas precisas para garantir a seguridade e salubridade públicas, o funcionamento dos servizos imprescindibles e, en xeral, todas as que se consideraron necesarias para facer fronte á crise sanitaria e ás súas consecuencias no municipio da Coruña.

Logo da declaración do estado de alarma e a aprobación de sucesivas prórrogas, o Goberno do Estado aprobou en abril o denominado Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade, que se aplicou gradualmente en catro fases.

En concreto, a Orde SND/386/2020, do 3 de maio permitiu a reapertura das terrazas dos establecementos de hostalería e restauración, limitando as mesas ao 50% do permitido nas correspondentes licenzas municipais. Xa no mes de xuño, a Xunta determinou como autoridade competente que estes elementos pasaran a ter unha capacidade máxima do 80% sempre que se mantivera o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se situaran e que se gardara a distancia de seguridade interpersoal entre a clientela. A ocupación máxima daquela era de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Pola súa parte, a Concellería de Urbanismo aprobou a finais de xuño unha nova instrución para que os locais puideran incrementar o espazo para terraza, que entrou en vigor o 1 de xullo, pola que autorizaba que acomodaren mesas nas prazas de aparcamento situadas fronte aos locais. Deste xeito, as e os demandantes destes engadidos puideron chegar a un oitenta por cento do número total de mesas que figurara na súa solicitude de autorización, respectando sempre a proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e levando a cabo un aumento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública en que se situara a terraza. A concellería autorizou nese momento esta prolongación nos establecementos que despois de presentaren distinta documentación como unha declaración responsable, un plano da situación exacta do local e unha memoria da superficie xunto ás mesas e cadeiras a colocaren, instalaron unha tarima que poderán seguir utilizando durante os vindeiros meses.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión