4 de maio de 2017
O titular de Rexeneración Urbana destaca que o Concello, que segue a traballar na zona dentro do seu plan de Hábitat Digno, deu “unha resposta habitacional adecuada ás circunstancias de todas as persoas que se viron afectadas polo derrubamento da infraestrutura, entre eles 13 menores que agora poderán ter unha vida digna”
O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, amosouse esta maña "moi satisfeito polo inicio, sen incidentes" dos traballos para a demolición da antiga nave da Toja, na Pasaxe, que debe acometer a empresa propietaria dos terreos por sentenza xudicial. O responsable municipal destacou que o procedemento puido levarse a cabo "debido en gran medida ao traballo social que o Goberno local leva desenvolvendo na zona de forma discreta durante meses". Este traballo en concreto derivou no realoxo de todas as persoas afectadas directamente polo derrubamento desta infraestrutura. "Esta mañá, logo de comprobar que a parcela está completamente libre de ocupantes, e cerciorarnos de que non existe ningún tipo de problemática, procedemos a dar o testigo á empresa propietaria, que é a que ten a obriga de proceder á demolición", comentou o responsable municipal ante a prensa.
Varela recordou que a sentenza a respecto desta zona da Pasaxe non só obrigaba á firma propietaria ao derrubamento do antigo edificio da Toja senón ao Concello a dar unha situación temporal de realoxo aos e ás habitantes do asentamento precario que existe na zona e que se vían directamente afectadas pola demolición. "Pero o Goberno local actuou aquí motivado principalmente polas súas políticas de dereito a unha vivenda digna, e foi moito máis alá. O noso obxectivo é dar solución aos asentamentos precarios de toda a cidade, un traballo arduo, pero que temos que levar a cabo", dixo, á vez que destacou que "todas as familias e persoas afectadas polo derrubamento obtiveron unha resposta habitacional por parte do Concello adecuada ás súas circunstancias". O edil explicou que o Goberno local realoxou de forma definitiva a catro familias, con 13 menores a cargo, e deu outras solucións habitacionais, acordes as súas circunstancias a outras dúas persoas. "Podemos asegurar que todas as persoas afectadas pola demolición tiveron a solución habitacional necesaria", fixo fincapé. "As cousas se fixeron ben, non como en xullo de 2013 cando se intentou abordar a demolición sen un traballo social previo, que é o que nós fixemos. A partir de aí conseguimos levar a cabo este proceso de forma tranquila e calmada, e dar unha solución habitacional a 13 menores que poden iniciar unha vida digna, o cal cremos que é moi importante", indicou o concelleiro, que destacou que a empresa propietaria indicou ao Concello que a súa previsión é ter rematadas as obras de demolición e posterior retirada dos residuos en menos dun mes.
Un proceso que continúa
O edil indicou, ademais, que programa de Hábitat Digno na zona da Pasaxe continúa. Ademais das persoas ás que se lles deu unha solución habitacional, o grupo Hábitat, formado por persoal municipal especializado no traballo cos asentamentos precarios, está traballando na actualidade con 20 familias deste asentamento. "A nosa intención é seguir traballando sen pausa para poder dar unha solución a medio prazo a todas estas persoas", comentou, á vez que recordou que todos os procesos de realoxamento están ligados a un procedemento de seguimento, orientación, e acompañamento por parte dos servizos sociais do Concello, de cara a potenciar o proceso de inclusión social destas persoas. O titular de Rexeneración Urbana destacou que o traballo desempeñado até o momento, así como o futuro "se leva a cabo de forma transversal, e implicando directamente a distintas áreas do Goberno". "Non só falamos de Rexeneración Urbana, senón, por suposto de Xustiza Social, de Medio Ambiente e da área de Seguridade Cidadá", dixo o edil, que agradeceu o labor de "todas as persoas que están a actuar nesta proceso de Hábitat Digno".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible