19 de setembro de 2018
O concelleiro de Rexeneración Urbana salientou que “se ben o procedemento –impulsado para ampliar o parque de vivenda pública municipal e destinar os pisos a aluguer social– non acadou o seu obxectivo, o que está claro é que nin na valoración das ofertas nin na proposta de adxudicación nin en ningunha outra fase se tomaron decisións para favorecer a ningunha persoa en concreto”
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, volveu esta tarde a pedir desculpas á veciñanza, durante o Pleno extraordinario convocado por solicitude do grupo popular, "por non ter acadado os obxectivos previstos a primeira edición do concurso público de adquisición de vivenda" posto en marcha polo goberno local, que ten entre os seus obxectivos facilitar o acceso á mesma de colectivos con dificultades, tal e como xa fixo o alcalde da Coruña esta mesma semana. Na liña do explicado publicamente en distintas ocasións, Varela recordou que "unha cadea de erros administrativos, erros humanos, fixeron que a tramitación deste concurso tivese o resultado que hoxe todos coñecemos, e que dos seis pisos adquiridos, cinco fosen enviados por nós ao Consello Consultivo. Por iso pido desculpas, por non acadar os obxectivos que perseguiamos", comentou, á vez que se reafirmou na súa obriga "de seguir traballando para garantir o acceso á vivenda a todas as persoas con dificultades", así como a seguir implementando políticas e decisións urbanísticas dende o Concello "escoitando á cidadanía, sen atender máis intereses que o interese xeral".
Non obstante, e debido ás acusacións vertidas polo grupo popular, que solicitou no Pleno a asunción de "responsabilidades" ante o resultado do concurso de adquisición de vivenda pública, o edil deixou claro que "por máis que o PP repita unha e outra vez unha mentira e os demais aplaudan, a mentira segue a ser mentira". "Este goberno local é un goberno honesto e respectuoso coa independencia do funcionariado. Nin na valoración das ofertas, nin na proposta de adxudicación nin en ningunha outra fase do procedemento se tomaron decisións para favorecer a ningunha persoa en concreto", evidenciou.
Medidas a prol da Vivenda Digna
Na súa intervención, o concelleiro Varela fixo un repaso ás medidas en materia de vivenda postas en marcha polo goberno local no que vai de mandato municipal, facendo especial fincapé naquelas actuacións que forman parte das liñas programáticas. "Antes de chegar a María Pita comprometímonos a elaborar un plan de fomento do dereito á vivenda e fomento da vivenda pública a través de Emvsa -a empresa municipal de vivenda, servizos e actividades-, así como fomentar a rehabilitación e a renovación urbana. O que fixemos, desde o goberno local, foi manter a reserva de vivenda protexida no 40%, ademais de incrementar o período de bonificación do IBI destes inmobles até os sete anos e bonificar no ICIO a súa construción", enumerou. "Fomentamos as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e modificamos a ordenanza de rehabilitación dar máis axudas, especialmente na zona Pepri e nos núcleos tradicionais, introducindo criterios sociais para que reciba máis quen menos ten. Abordamos o problema dos 16 edificios inacabados da cidade, cadáveres da burbulla inmobiliaria que os distintos gobernos locais foran deixando pasar, e multiplicamos as licenzas de rehabilitación, que pasaron de 0 en 2011 a 55 en 2016", continuou. "Puxemos fin á inxustiza territorial, impulsando 400 obras por toda a cidade no que vai de mandato, no só no centro, e adquirimos un solar en Marqués de Pontejos no que se van a edificar oito vivendas municipais", explicou.
O responsable municipal seguiu facendo balance do grao de cumprimento das medidas de programa coas que o goberno local chegou a María Pita en 2015. Así, aludiu á referida a "dar solución aos asentamentos precarios da cidade cun plan de inclusión social integral". "Que fixo o executivo unha vez na administración? Pois puxemos en marcha un Plan de Acceso a un Hábitat Digno dotado de recursos e persoal. Co mesmo conseguimos, en pouco tempo, o realoxo con garantías de case 20 familias: 50 persoas, 50 seres humanos, dos cales 23 son nenos e nenas menores", apuntou. "Tamén abrimos o Centro Abeiro, o primeiro equipamento de baixa esixencia da cidade para persoas sen teito, e puxemos en marcha o programa A Flote, no que só este ano demos máis de 300 axudas para solucionar emerxencias habitacionais", engadiu.
"Outro dos nosos compromisos programáticos era aumentar nun 50% a cota do IBI ás vivendas baleiras propiedade do FROB e as entidades financeiras. E que fixemos cando chegamos ao goberno local? Introducimos nas ordenanzas ese recargo, que, non obstante, non se pode aplicar neste momento porque quen goberna noutras administracións non fixo os seus deberes", censurou o concelleiro, quen tamén recordou a intención do grupo que sustenta o executivo local de implantar medidas de apoio para a rehabilitación enerxética en comunicades veciñais. "Neste tempo de mandato municipal xa modificamos a ordenanza de rehabilitación para potenciar a mellora da eficiencia enerxética nas axudas", lembrou.
Nesta liña, e a respecto do concurso de adquisición de vivenda, o concelleiro recalcou que ten "a conciencia tranquila, porque non hai en todo o expediente nin a máis mínima proba indiciaria de trato discrecional de favor, desviación de poder ou resolución a sabendas da súa inxustiza, nin por parte do persoal funcionario nin tampouco por parte dos concelleiros cuestionados pola oposición". Tal e como avanzou, unha vez que sexa firme en vía administrativa o acordo de nulidade da Xunta de Goberno local, o goberno municipal iniciará de inmediato as accións civís oportunas para a resolución de compra-venda, para que os inmobles revertan aos seus interiores propietarios e estes devolvan o importe recibido.
O Pleno, cos votos a favor de PP, PSOE e BNG, deu luz verde ao asunto único plantexado polo grupo municipal popular, que instaba ao alcalde "a depurar responsabilidades políticas" pola compra "irregular'" de dous inmobles no marco do concurso de vivenda pública, así como demandaba ao goberno local que exerza "todas as accións administrativas e xudiciais oportunas" para recuperar as cantidades destinadas a adquisición de inmobles.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible