Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de outubro de 2015

Xulio Ferreiro avoga por tecer unha área metropolitana "baseada na cooperación entre concellos, sen quedar unicamente no aforro na prestación de servizos"

"A política é facerse cargo da vida en común, e os municipios son a ferramenta do ben común máis próxima á cidadanía", dixo o alcalde, nun debate con máis rexedores da comarca

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta tarde xunto a outros rexedores da comarca, como o de Abegondo, José Antonio Santiso, e o de  Culleredo, Julio Sacristán, no debate ‘Reinventar a cidade metropolitana do Século XXI’, que organiza a Asociación Metropolitana Coruña 3.0, onde apostou por unha cooperación entre concellos, alén do aforro ou da racionalización na xestión de fondos públicos. “Queremos ir moito máis alá. Queremos imaxinar a área metropolitana como un espazo político, o noso espazo político natural. O espazo natural da Coruña e do resto dos concellos que a forman, independentemente do tamaño ou a poboación. Porque política é facerse cargo da vida en común, do ben común, e os concellos son a ferramenta do ben común máis próxima á cidadanía”, propuxo.


O rexedor coruñés fixo unha aposta “polo que temos en común” e, neste sentido, avogou por unha visión máis ampla da área metropolitana, máis alá dos servizos susceptibles de seren mancomunados, como espazo de “innovación política, onde desenvolver e compartir maneiras de atender as necesidades da xente, máis alá de diferenzas ideolóxicas ou intereses electorais”. “O que temos en común, por enriba de todo, é a xente. As súas necesidades e as súas demandas. Se poñemos aí o foco podemos multiplicar a potencia da cooperación na área metropolitana”, avanzou Ferreiro, quen emprazou tamén aos seus homólogos a “mancomunar” cuestións como a transparencia que está a demandar a cidadanía. “Creo que podemos mancomunar servizos, compartir recursos e asumir compromisos comúns en materia de transparencia, xustiza social e autonomía municipal. Dende o que nos une, por enriba do que nos diferenza”, opinou o primeiro edil da Coruña. “Podemos ir da man á hora de reclamar autonomía política e financeira para os concellos, así como á hora de reclamar ao resto das administracións investimentos que beneficien a toda a comarca, como os que agardamos que veñan para o saneamento da Ría do Burgo, para o transporte metropolitano, para a estación intermodal, ou para o CHUAC”, engadiu.


Do mesmo xeito, o alcalde da Coruña defendeu que, entre as posibilidades de cooperación entre os concellos da área metropolitana podería estar a de “mancomunar a capacidade das distintas administracións locais de poñer a contratación pública ao servizo do ben común, introducindo cláusulas sociais”, como as relativas a igualdade de xénero, inclusión, emprego de calidade ou medio ambiente. “Na Coruña acabamos de poñer en marcha estas novas directrices na contratación, que seguramente poderían ser melloradas dende concellos máis pequenos e, por tanto, máis próximos ao cidadán. Podemos asumir tamén ir da man nesta cuestión, tendo en conta que a xente vive, traballa, coida, inviste e emprende de maneira global na comarca”, sinalou.


Na súa intervención, o rexedor coruñés pediu aos seus homólogos na comarca “responsabilidade, altura de miras e cooperación” para crear unha área metropolitana que realmente dea resposta ás necesidade da cidadanía. “Temos que ir dando pasos, todos e todas. Pasos en materia de compromisos comúns, porque é a maneira de construír cultura metropolitana. E pasos, evidentemente, na construción da área metropolitana que queremos, na que caibamos todos”.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión