Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2015

Xulio Ferreiro: "Intervir ante as situacións de emerxencia social é unha obriga dos poderes públicos"

O alcalde cualificou a vivenda digna como un "dereito fundamental" e abordou varias das medidas que desenvolve o Concello neste eido, durante a súa intervención nas Xornadas de Dereito de Consumo que se desenvolven no Colexio de Avogados

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, sinalou na mañá deste xoves que foi a “presión social”, e non tanto as previsións normativas como o Código de Boas Prácticas das Entidades Financeiras, o que logrou paralizar as execucións hipotecarias por parte dos bancos. “É o que me din todos os directivos de banca cos que me reúno. Non as hai porque da unha imaxe pública terrible”, destacou o rexedor durante a súa intervención nunha das mesas redondas da VII Xornadas de Dereito de Consumo que se desenvolven no Colexio de Avogados. Na súa intervención, na mesa centrada no papel das administracións públicas ante os problemas derivados da insolvencia dos e das consumidoras, o rexedor dou conta dos pasos que está a dar o Goberno municipal ante as situacións de emerxencia social que, como indicou, seguen a producirse a pesar dos indicadores que poidan apuntar a unha saída da crise. “Aínda que hoxe hai certos datos que o indican, para a maioría da poboación, e, sobre todo, para as persoas que están en situación de risco de exclusión social a situación non ten variado moito, e os poderes públicos non poden permanecer alleos a esta situación.”, alertou o mandatario local, quen salientou tamén que os Gobernos municipais “poden e deben” actuar neste eido, coa axuda do resto de administracións públicas.

A este respecto, Ferreiro aludiu ás reunións con todas entidades financeiras da cidade que impulsou o Goberno local á súa chegada ao Concello para esixirlles unha moratoria nos desafiuzamentos e como parque de vivenda social, a través de convenios nos que xa se están a perfilar. “A práctica totalidade das entidades confirmaron que non fan desafiuzamentos hipotecarios de primeiras vivendas”, informou Ferreiro, quen aludiu non obstante que os casos que se seguen producindo na cidade teñen que ver coa falta de pagamento de alugueres e cos casos de persoas que recorren a prestamistas privados, un asunto do que o Goberno coruñés xa alertou aos xulgados. “Entendíamos que estas accións non se estaban a detectar e se tramitaban como meras accións de dominio cando en realidade tiñan un trasfondo moito maior”, expuxo Ferreiro.

Tal e como indicou o alcalde, o contacto do Goberno local cos Xulgados permitiu tamén “engraxar” o protocolo asinado polo anterior Goberno municipal para a detección de situacións de exclusión social nos xulgados. “Decatámonos de que, na práctica, non tiña seguimento desde o Concello e que nos xulgados moitas veces se esquecían da existencia do protocolo. Trátase dun bo instrumento normativo que na práctica non funcionaba. Hoxe xa hai comunicación fluída entre os xulgados encargados das execucións e os servizos sociais municipais, para que cando se detecte un caso, se poña de inmediato en coñecemento” salientou Ferreiro, quen indicou que entre 2013, ano da súa posta en marcha, e o 2015, o protocolo unicamente atendeu 40 casos.

Nesta mesma liña, o rexedor amentou outras medidas municipais para garantir o dereito á vivenda, como son A Renda Social Municipal, que o Goberno coruñés quere poñer en marcha a principios do ano que vén para “garantir as necesidades básicas” a todas as persoas residentes na cidade; tamén, o sistema de mediación entre particulares que se está a poñer en práctica desde o Concello, para evitar desafiuzamentos por impago de aluguer, ou o cambio de protocolos de actuación que se impulsaron desde o Concello para que o Servizo de información, Valoración e Orientación (SIVO) para permitir o diagnóstico dos casos de emerxencia na primeira intervención para que sexa posible actuar desde o primeiro día. “Ata agora, estas persoas podían estar ata catro meses en espera de ver a unha traballadora social”, indicou o rexedor.

Ferreiro lamentou, nesta liña, as imposicións da Lei de Estabilidade Orzamentaria, que “non permite potenciar os servizos sociais a través da contratación de máis persoal”. “Para dar unha boa cobertura, deberiamos poder potenciar os servizos sociais a través da contratación de máis persoal, pero a Lei de Estabilidade Orzamentaria non o permite”, lamentou.

Na súa intervención nas xornadas, na que Ferreiro estivo acompañado polo director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, e do decano da facultade de Dereito, José Manuel Busto Lago, o alcalde equiparou os desafiuzamentos a un quebranto dos “dereitos fundamentais”. “Trátase da dignidade das persoas e, polo tanto, dos principios máis elevados do noso sistema xurídico”, defendeu.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión