Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Área de Fomento e Promoción da cidade

Inés Rey pon en valor o espírito de superación da nadadora Paula Otero, que representará á Coruña no Campionato de Europa absoluto en París

Otero, perceptora dunha das bolsas de apoio a deportistas que outorga o Concello, foi recibida pola alcaldesa no Palacio Municipal de María Pita

Cando:

4 de xullo de 2026

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiron hoxe en María Pita á nadadora coruñesa Paula Otero, deportista de 22 anos seleccionada pola Real Federación Española de Natación (RFEN) con vistas ao Campionato de Europa absoluto que terá lugar en París na primeira quincena de agosto.

Otero, que milita no Club Natación Arteixo, foi homenaxeada este ano na Cea do Deporte que organiza o Concello, sendo unha das persoas recoñecidas individualmente na categoría de deportistas destacados na tempada 2025-2026.

No encontro que mantiveron esta mañá no Palacio Municipal, a rexedora subliñou o percorrido e esforzo de Paula Otero para posicionarse na primeira liña da súa disciplina a escala nacional, unha evolución refrendada este ano en citas como o Campionato de España que tivo lugar en marzo, no que Otero gañou o ouro nas distancias de 1.500 e 400 metros, ademais de proclamarse subcampioa nos 800 metros libres.

Ademais, e xa en maio, Otero deixou o seu selo en Cerdeña (Italia) na terceira Copa do Mundo World Aquatics, obtendo a súa primeira medalla mundial nos 3 quilómetros knockout-sprint. Poucos días despois, no Europeo de Croacia, sumou un novo logro ao seu palmarés gañando a prata na mesma disciplina.

Otero, que é unha das persoas perceptoras das bolsas de apoio que outorga o Concello a deportistas federados, afronta agora a súa conta atrás hacia París, onde competirá en augas abertas (4 a 8 de agosto) e piscina (10 a 16 de agosto).

A escasas semanas da cita, Inés Rey amosoulle o apoio do Concello e da cidadanía de cara á cita en Francia. "É un orgullo ver como emerxen novos valores como Paula, que simbolizan sacrificio e constancia, e aos que cómpre apoiar porque no deporte, máis alá dos resultados e os palmarés, debe valorarse o proceso e o traballo diario. Iso é o que queremos trasladarlle ás novas xeracións e é o que encarna ela", dixo Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión