Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Área de Fomento e Promoción da cidade

O mar será protagonista esta fin de semana cun amplo programa de competicións e actividades deportivas na Coruña

A programación inclúe probas de natación en augas abertas, vela, piragüismo e salvamento e socorrismo, ademais das primeiras actividades do programa municipal Coruña no Mar

Cando:

2 de xullo de 2026

O Concello da Coruña promove esta fin de semana unha ampla programación deportiva vinculada ao mar, con competicións e actividades que reunirán na cidade a centos de deportistas e afeccionados. A iniciativa reforza a aposta municipal pola práctica deportiva ao aire libre e pola posta en valor do litoral coruñés como un dos principais espazos para o desenvolvemento do deporte.

A programación desenvolverase en diferentes puntos da cidade, como a baía da Coruña, o Parrote, a praia de Oza e a base náutica de Oza, que acollerán durante toda a fin de semana probas de natación en augas abertas, vela, piragüismo e salvamento e socorrismo, ademais das primeiras actividades do programa municipal Coruña no Mar.

Unha das principais citas será a IX Travesía Costa Coruña, primeira proba do Circuíto Travesía Costa 2025, que se celebrará este sábado no Parrote. A competición reunirá a máis de 200 nadadoras e nadadores, que disputarán percorridos de 1.000 e 3.000 metros en augas abertas.

A vela terá tamén un papel destacado coa celebración da Regata SAR Infanta Elena, organizada polo Real Club Náutico da Coruña. A proba reunirá preto de 50 embarcacións e varios centos de regatistas de toda Galicia e será, ademais, Campionato Galego da clase J80.

A praia de Oza concentrará igualmente dúas importantes competicións. O sábado disputarase a primeira regata do V Circuíto Provincial de Piragüismo da Deputación da Coruña, coa participación prevista de arredor de 230 deportistas pertencentes a once clubs galegos. Xa o domingo celebrarase o Festival Alevín e Benxamín de Salvamento e Socorrismo, organizado pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, no que participarán máis dun cento de nenas e nenos.

Esta oferta complétase co inicio das actividades de Coruña no Mar, o programa municipal que achega os deportes náuticos á cidadanía. O sábado terá lugar a primeira saída de natación en augas abertas, organizada en colaboración co Club Hércules XTRM, mentres que o domingo desenvolverase unha actividade de kaiak de mar da man do Club do Mar de San Amaro.

Ademais das competicións organizadas, durante o verán as praias e o litoral coruñés convértense nun espazo de práctica deportiva diaria para centos de persoas, consolidando a Coruña como unha cidade estreitamente vinculada ao mar e á actividade física.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que "o mar é unha das grandes fortalezas da cidade e un espazo privilexiado para seguir fomentando a práctica deportiva e a celebración de eventos de primeiro nivel".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión