Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de febreiro de 2017

A Coruña, xunto con Madrid, Barcelona, Valencia e Zaragoza, demanda ao Goberno central que as entidades locais poidan xestionar o acollemento de persoas refuxiadas

Xulio Ferreiro, Manuela Carmena, Ada Colau, Joan Ribó e Pedro Santisteve reclaman unha resposta á misiva enviada o pasado 16 de decembro ao presidente do Goberno, na que solicitaban “a apertura de vías de diálogo que permitan facer fronte a esta catástrofe humanitaria”

A Coruña, xunto coas cidades de Madrid, Barcelona, Valencia e Zaragoza, demandan ao Goberno central que as entidades locais poidan xestionar o acollemento de persoas refuxiadas, de cara a asegurar o cumprimento das cotas de reubicación firmadas polo Estado español. O Goberno municipal insiste nesta reclamación, e recorda que xa o pasado 16 de decembro, o alcalde, Xulio Ferreiro, xunto aos e ás súas homólogas dos municipios anteriormente citados --Manuela Carmena, Ada Colau, Joan Ribó e Pedro Santisteve-- enviaron unha misiva ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, expresando esta reivindicación.

A petición xurdiu durante a celebración do cumio europeo celebrado os días 9 e 10 de decembro no Vaticano, e que levaba por nome Os refuxiados son os nosos irmáns e irmás. Os e as primeiras edís asinantes da misiva aínda non recibiron resposta do presidente do Goberno, a quen solicitaron "unha reunión ao máis alto nivel no menor prazo posible para coadxuvar na busca de vías de colaboración capaces de desbloquear esta grave crise humanitaria". "Confiamos en que esta proposta de colaboración sexa ben atendida, para abrir así unha vía de diálogo de permita facer fronte a esta catástrofe humanitaria na que nos atopamos, e que entre todos e todas debemos e podemos resolver", solicitaba a carta, que aínda non obtivo resposta.

Ao fío da misiva, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, explica que "ao longo dos últimos meses, o Goberno local, ao igual que moitas outras administracións municipais de todo o Estado, leva traballando en redes de apoio institucional, coordinación e cobertura coas ONG que actúan directamente coas persoas migrantes". "Non obstante, atopámonos nunha situación de completa impotencia, xa que nós non podemos ir máis alá dado que as competencias para xestionar o acollemento dependen do Goberno central, que non está a facer os seus deberes", explicou. "Non é unha reclamación calquera, estamos a falar das vidas de centos de miles de persoas. Non podemos permitir que haxa quen mire para outro lado", engadiu.

Na misiva enviada ao presidente do Goberno central, alcaldesas e alcaldes recordan que os gobernos locais, por ser as institucións máis próximas á cidadanía, constitúen unha peza fundamental na atención aos dereitos e emerxencias sociais. Do mesmo xeito, recordan as reclamacións que fixeron os e as propias veciñas, "que demandan unha actitude proactiva e contundente na protección e salvagarda dos dereitos humanos". Posto que a atención inmediata e a avaliación de situacións de necesidade social a persoas en situación de vulnerabilidade é unha competencia propia dos concellos, tal e como se recolle no artigo 25 da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, A Coruña, xunto co resto de cidades demandantes, considera que "é posible e necesario explorar novas vías para a acollida das persoas que solicitan protección internacional".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión