Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de setembro de 2017

O Concello constituirá a Mesa Sectorial de Coordinación da Violencia de Xénero para favorecer a acción conxunta dos corpos implicados nesta materia

O alcalde e a concelleira de Igualdade e Diversidade participaron hoxe na Xunta Local de Seguridade, na que se constatou a “boa coordinación entre os equipos municipais e estatais nos dispositivos especiais de seguridade, tal e como xa se ven demostrando durante todo este ano”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que ten atribuídas as competencias municipais en materia de seguridade cidadá, participaron este martes na sesión ordinaria da Xunta Local de Seguridade, na que o goberno local anunciou a constitución da Mesa Sectorial de Coordinación de Violencia de Xénero, que servirá para potenciar o traballo conxunto dos distintos corpos implicados nesta materia. Deste xeito, e como indicou o rexedor ao remate da xuntanza, esta mesa, de carácter técnico, servirá "para que o Concello avance nos compromisos que se recollerán no Pacto de Estado que se tramita no Congreso en relación á loita contra a violencia de xénero, un asunto no que o goberno da Coruña está fondamente implicado". Tamén, e como avanzou a edil de Igualdade e Diversidade, a constitución da mesa permitirá valorar as melloras na coordinación entre os corpos implicados no seguimento dos datos de violencia de xénero a nivel local, para abordar as medidas a adoptar, "dentro do esforzo que se está a facer desde os servizos municipais nesta materia, que entendemos que require dun compromiso decidido por parte de todas as administracións".

A Xunta Local de Seguridade, na que participa, xunto coa representación municipal, o subdelegado do Goberno en Galicia, Jorge Atán, e representantes da Policía Nacional, a xefatura provincial de tráfico, a Policía Autonómica e a Garda Civil, serviu tamén para avaliar a coordinación dos dispositivos de seguridade da Policía Local e Nacional, así como os necesarios mecanismos a establecer ante ameazas terroristas, unha coordinación que, como subliñou o rexedor coruñés, xa está en marcha desde finais do ano pasado, cando tivo lugar a anterior Xunta Local de Seguridade, na que se abordou esta cuestión, e se está a producir de xeito satisfactorio. "O Concello está actuando como se lle require en eventos e momentos específicos con grandes aglomeracións de xente, como poden ser as festas de verán ou xa nos actos do pasado Nadal, momentos en que se veñen tomaron medidas específicas de precaución", fixo notar Ferreiro, que valorou o bo traballo conxunto que realizan a Policía Local e Nacional na cidade, tal e como quedou patente ao longo da sesión desta mañá. "Estamos en todo momento a disposición das recomendacións que se nos trasladen, e que ata agora foron dirixidas a adoptar medidas especiais en caso de eventos concretos que supoñan afluencia masiva de persoas, ou en caso de alertas especiais, como así vimos facendo. Desde o Concello estamos dispostos a estudar calquera medida que se nos traslade, e seguimos traballando para asegurar a normal convivencia na nosa cidade, de xeito que sexa compatible cos niveis de alerta e coas peticións que se nos transmitan desde o Estado. Mentres non se nos indique outra cousa, seguiremos por esta vía", indicou, e destacou a boa colaboración que manteñen os dous corpos policiais na cidade en materia de seguridade "que está funcionando, como hoxe puidemos comprobar". Neste sentido, na sesión deste martes tamén se deu conta das reunións periódicas que se producen entre os corpos municipais e estatais, nas que se avalían os eventos con especiais concentracións de xente para determinar elementos de protección máis axeitados.

Evolución da criminalidade

A Xunta, que tivo lugar no pazo de María Pita, serviu ademais para realizar unha análise da evolución da criminalidade na cidade nos últimos meses, unhas cifras que, segundo destacou o alcalde, mantéñense estables, cunha leve baixada respecto de anos anteriores. Deles, Ferreiro destacou o incremento das intervencións da Policía Local en materia de violencia de xénero e con menores, "como resultado do esforzo que se realiza desde a área de seguridade cidadá e da Concellería de Igualdade e Diversidade, a través de programas como o Axente Titor, en caso de menores, e tamén en materia de violencia de xénero, esforzo que está dando os seus froitos, con máis intervencións e máis atencións nestes ámbitos". A este respecto, o primeiro edil salientou o feito de que os asuntos que se abordan a través do programa Titor no entorno dos centros educativos estanse a abordar, de forma maioritaria, fóra do ámbito xudicial, de xeito que das 113 dilixencias abertas, máis da metade foron derivadas aos servizos sociais ou ao servizo de Menores da Xunta, "o que dá unha idea de que estamos intentando traballar cunha visión social nos entornos escolares, e non tanto criminalizando e xudicializando condutas que se poden resolver con outros tipos de intervención". En canto ás actuacións relacionadas coa violencia de xénero na cidade, dos datos trasladados durante a Xunta Local de Seguridade destacan os 389 mulleres que contan na actualidade con protección policial, das que 298 contan con orde de protección, cifras que levan a que A Coruña englobe o 28% das medidas de protección a nivel provincial nesta materia. "Hai que poñer en valor o moito traballo que tanto a Policía Local como a propia concellería está facendo, a través das distintas campañas e programas", indicou ao respecto a responsable de Igualdade e Seguridade.

Tamén, en relación coas actuacións da Policía Local, o alcalde quixo poñer de relevo o aumento das súas intervencións na área de seguridade viaria, "o que da idea, non do incremento de incidencias, senón da intensificación do labor da Policía Local, traballando da man da Xefatura Provincial de Tráfico, nesta materia, a través da perfecta coordinación que hoxe quedou clara, e a través das campañas conxuntas, coordinadas con Tráfico, así como nas propias". Como apuntou, no primeiro semestre deste ano, o corpo municipal realizou un total de 163 intervencións neste ámbito,  fronte ás 50 do mesmo período do ano pasado.

Tráfico

A Xunta Local de Seguridade tamén aprobou nesta sesión a acta da comisión técnica de seguridade viaria para o establecemento dos límites de actuación en materia de tráfico entre a Policía Local e a Garda Civil, a fin de delimitar formalmente as zonas de competencia de cada un dos corpos a efectos de seguridade viaria e sancionadores, en distintos puntos da cidade, nos que na práctica xa está establecido. Deste xeito, a Policía Local terá competencias na totalidade da AC-10 (Eirís), e na AC-12 (avenida da Pasaxe), ata o quilómetro 2, onde a Garda Civil asumirá estas funcións. Na AC-11 (Alfonso Molina), os axentes municipais encargaranse do treito ata o quilómetro 2,100, coincidindo co panel de fin do municipio. Do mesmo xeito, na Terceira Rolda (V-14), a actuación da Policía Local estenderase ata o quilómetro 3,600 e desde ese punto, marcado polo panel de fin da poboación, actuará a Garda Civil. Na AC-552 (Baños de Arteixo), o corpo municipal terá a competencia ata o acceso da factoría Alcoa, no quilómetro 1,300 e, na AC-415 (avenida de Fisterra), os axentes municipais actuarán ata o panel que sinaliza o fin da poboación, no punto quilométrico 1,900. Na zona da Zapateira e a Residencia Rialta, a Policía Local asume a competencia en toda a vía DP-3006, ata o quilómetro 5,200, e na DP-3006-1 ata o límite co municipio de Arteixo, á altura do Colexio Matogrande; igualmente, na DP-3004, a competencia será municipal.

Durante a xuntanza celebrada esta mañá tamén se deu traslado ao Concello do informe da Subdelegación do Goberno sobre espectáculos pirotécnicos, que como indicou o subdelegado do Goberno teñen competencia compartida, e para iniciar un seguimento nesta materia, que se prolongará nas próximas xuntanzas. Do mesmo xeito, a concelleira de Igualdade e Diversidade aproveitou o encontro para trasladar a preocupación polo real decreto que rexe as xubilacións anticipadas na Policía Local.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión