Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de outubro de 2017

O Concello presenta o Festival de Artes pola Inclusión Cultural 'Festi=', "unha programación participativa para que toda a cidadanía poida coñecer e gozar da cultura sen barreiras"

José Manuel Sande e Rocío Fraga deron a coñecer a iniciativa, conformada polos proxectos da primeira convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva, e que terá como data central o 3 de decembro, Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial, “xornada na que as entidades sociais da cidade serán as protagonistas”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentaron esta mañá a primeira edición do Festi= Festival de Artes pola Inclusión Cultural, que se celebrará desde o día 2 de novembro até o 14 de decembro na Coruña. A proposta, que se expandirá por diversos espazos da cidade e cuxa data central será o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional e Sensorial, emana da primeira convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, posta en marcha polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa o pasado ano co obxectivo de favorecer a inclusión e a accesibilidade das persoas con diversidade funcional, sensorial ou cognitiva na vida cultural e artística, excluíndo calquera barreira ou impedimento que dea lugar á súa discriminación. "O Festi= comprende unha serie de accións en relación aos sete proxectos artísticos resultantes da primeira convocatoria de Cultura Accesible, e porá o colofón á actividade cultural e inclusiva deste ano", destacou José Manuel Sande, quen lembrou que até o 15 de novembro "está aberta a convocatoria da segunda edición". "A idea de cultura accesible implica brindar iguais condicións de participación a todas as persoas que forman parte da nosa sociedade e que, por algunha razón física ou cognitiva vense privados do pleno goce dos seus dereitos. Implica permitir o goce das manifestacións artísticas ou culturais a todas as persoas", afirmou o responsable municipal.

Así, o Festi= Festival de Artes pola Inclusión Cultural encherá A Coruña dunha programación apta para todos os públicos --que se pode consultar no web www.coruna.gal/igualdade/festigual--, con varias citas e proxectos que abranguen distintas disciplinas artísticas e que arrincará este xoves, 2 de novembro. "O Festi= será un punto de encontro para que toda a cidadanía teña a oportunidade de coñecer e gozar da cultura sen barreiras. Non se trata só que as persoas diversas poidan acceder á cultura, senón tamén que sexan produtoras e formen parte dela. Esta ruptura de barreiras enriquece á cultura", sinalou a concelleira e Vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Rocío Fraga, quen avanzou que a proposta terá como data central do programa o 3 de decembro, o Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial, "unha xornada especialmente chea de actividades no que as entidades sociais locais que traballan no ámbito das diversidades serán as verdadeiras protagonistas".  

A concelleira detallou durante a súa intervención a lista de proxectos participantes e entidades implicadas nesta primeira edición do Festi=, como son Debuxa o teu selo, da Sociedade Filatélica da Coruña; Un museo en movemento, da asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña; Torre de Babel, da Asociación Cultural para a Integración Social Diversos; Desde o invisible, de La Quinta del Arte; Músicas participativas e inclusivas, de Demusicade; Músicas participativas e inclusivas, da Asociación Cultural Tres por Cuatro; Un día de Cine, da Asociación Proxecto Máscaras; e o Ciclo de lírica inclusiva da Asociación Amigos da Ópera da Coruña. Ademais, de cara a esta primeira edición do Festi=, tamén se implicarán a cantante Guadi Galego, que presentará o seu disco O mundo está parado; o proxecto María Fumaça, liderado por Uxía; e Caxoto, que dará a coñecer o espectáculo o A trastenda dos contos: unhas gafas como as do avó, que combina lingua oral e lingua de signos. A edil salientou que a amplitude desta programación "é posible grazas ao traballo conxunto do Concello da Coruña e da Fundación Emalcsa con axentes implicados no favorecemento da inclusión, como é o caso das entidades Velgasa, Repsol e Fundación María José Jove, colaboradoras no programa".

Programación

O Festi= comezará as actividades da súa programación expandida co Ciclo de Lírica Inclusiva da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, que o dia 2 de novembro estará no Centro Cívico dos Mallos e o 16 no Centro Cívico de Monte Alto. Ambas citas terán lugar ás 18.30 horas. O 23 de novembro a Casa da Auga acollerá o espectáculo Experimentadanza, da Asociación Diversos, desde as 20:00 horas. De seguido, e na semana previa ao Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial, os días 28, 29 e 30 de novembro celebrarase un Obradoiro de Formación de La Quinta del Arte, que culminará coa presentación do proxecto ensaiado na programación especial de cara ao 3 de decembro. Ademais, do 9 ao 26 de novembro poderase visitar no espazo para exposicións da Casa da Cultura Salvador de Madariaga a mostra da Sociedade Filatélica, e a Fundación Maria José Jove acollerá unha mesa redonda promovida por Demusidade.

O groso da programación, que se pode consultar no web municipal www.coruna.gal/igualdade/festigual, terá lugar o 3 de decembro. Pola mañá celebrarase na praza de María Pita un acto protagonizado e organizado polas entidades sociais vinculadas ás diversidades da cidade e da área metropolitana, ademais dunha acción sorpresa de Guadi Galego e a actuación de María Fumaça. Ao mediodía a actividade trasladarase ao Centro Ágora, "co obxectivo de realizar unha gran romaría das diversidades pero baixo cuberto polas condicións climatolóxicas", especificou Fraga. No equipamento municipal terá lugar un xantar aberto á veciñanza, e haberá actuacións de Demusicade --14.30 horas--, Torre de Babel --16.00 horas-- e Tres por Cuatro presentando a Robert Pier e alumnado --17.00 horas--, ademais da proxección de Un día de cine ás 17.30 horas. De seguido, presentarase a montaxe ensaiada nos obradoiros previos de La Quinta del Arte; ás 18.30 horas o obradoiro Un museo en movemento, da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes; e ás 19.00 horas o espectáculo Unhas gafas como as do avó, de Caxoto. Finalmente, contra ás 20.00 horas, Guadi Galego pechará a programación cun concerto no auditorio.

Para máis información sobre o Festi= e a convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva pódese visitar a páxina web municipal www.coruna.gal/igualdade.

Documentos:

Dossier Festi= (160 KB)

Cartel Festi= (1 MB)

Actualidade

Máis información

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión