Concello da Coruña

Concello da Coruña

A COVID-19 contra as predicións meteorolóxicas

Así afecta o confinamento polo coronavirus á precisión dos partes meteorolóxicos

Unha das consecuencias que tivo a implantación de medidas de confinamento en practicamente todo o mundo para deter a expansión da COVID-19 é a caída no número de voos comerciais. Segundo as estatísticas que ofrece Flightradar24, unha web na que se poden seguir en tempo real estes voos, entre o primeiro mércores de marzo e o primeiro de abril o número de voos caeu nun 56%. E é previsible que caia aínda máis. En China chegou a descender ata nun 80% durante a corentena de Wuhan.

Iso si, os avións comerciais non deixarán de voar de todo porque aínda se mantén unha conectividade mínima en moitos países e, ademais, hai que seguir transportando carga; de feito, algunhas aeroliñas están a usar avións de pasaxeiros para mover subministracións médicas. Pero tamén hai moitas, por exemplo Air Nostrum, Easyjet ou Ryanair, por citar só unhas poucas, que deixaron de voar por completo. Haberá que ver que consecuencias ten isto para as empresas e as persoas que traballan nelas cando superemos a crise da COVID-19.

Vítima colateral

Mentres tanto, outra vítima colateral do descenso do número de voos é a precisión das predicións meteorolóxicas. Segundo conta o Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a medio prazo (ECMWF, polas súas siglas en inglés), o 23 de marzo o número de informes sobre temperatura e humidade recibidos de avións en voo reduciuse en Europa nun 65%, comparado co 3 de marzo. A nivel mundial, a redución foi de arredor do 42%.

Imaxes

Nas dúas imaxes de arriba (cortesía de Stewart Taylor, EUMETNET) pódese ver a comparación das medicións do 2 de marzo de 2020 coas do 23 de marzo. As cores indican a altitude: vermello para altitudes baixas e azul para as máis altas. Obsérvase unha redución xeral da densidade de medicións, en particular sobre Italia e partes de Europa oriental.

Esas medicións úsanse para establecer o estado da atmosfera para logo facer as predicións, así que a súa falta reduce a precisión dos resultados. O impacto é máis grande á altitude á que viaxan os avións, pero tamén se nota nas predicións a niveis de chan.

Satélite Aeolus

Afortunadamente, o satélite Aeolus da Axencia Espacial Europea, en funcionamento desde finais de 2018, compensa parcialmente a ausencia de datos dos avións. Mide a velocidade do vento desde o chan ata unha altitude de 30 quilómetros e cobre toda a superficie do planeta cada sete días.

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión