Durante o confinamento a reciclaxe de envases de plástico, brik e metal incrementouse en España nun 15%
O 22 de abril celébrase o Día Internacional da Terra Nai, como un recoñecemento á necesidade de concienciar sobre a importancia de coñecer e protexer o planeta e a todas e todos os seus habitantes. Compartimos co resto dos seres vivos un lugar que nos proporciona todo o que necesitamos, pero é preciso buscar un equilibrio entre o uso dos recursos e a conservación do medio ambiente para garantir o sustento das xeracións futuras.
Reducir a contaminación por plásticos é un dos maiores desafíos ambientais sobre os que se centraron os esforzos nos últimos anos. O lixo plástico ten o seu impacto máis sensible sobre o medio mariño e as especies que o habitan; pero tamén, algúns dos compostos que conteñen os plásticos poden afectar o funcionamento das hormonas nos seres humanos e outros animais.
O noso estilo de vida actual xera unha gran cantidade de lixo plástico, derivada, entre outras cousas, de numerosos obxectos desbotables, como botellas, bastonciños de algodón, cueiros, envases de alimentos e outros produtos domésticos. Cada ano úsanse en todo o mundo arredor de 500.000 millóns de bolsas de plástico e cómpranse 1 millón de botellas deste material por minuto, por achegar algúns números. A poboación pode contribuír a reducir este tipo de residuos con accións como consumir menos, reutilizar e reciclar.
Desde o comezo do confinamento pola pandemia do coronavirus a reciclaxe de envases de plástico, brik e metal incrementouse en España nun 15%, de acordo cos datos facilitados pola organización para a reciclaxe Ecoembes. Este feito poderíase atribuír a un aumento do consumo no fogar e por tanto dos residuos domésticos, pero tamén a un incremento da concienciación da poboación sobre a necesidade de reciclar.
Poderías reducir o uso dalgúns dos obxectos de plástico máis habituais nas nosas vidas? Avalía o teu consumo con esta ferramenta en liña.

4 de febreiro de 2026
Nova exposición fotográfica no Corredor López Seoane do Aquarium Finisterrae

30 de xaneiro de 2026
Unha colección de fotografías de Fernando Moleres sobre o impacto da actividade humana no medio ambiente

12 de xaneiro de 2026
MiniDomus é un espazo pensado para aprender facendo, onde cada actividade convida a experimentar, compartir e descubrir o mundo con asombro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible