A exposición á luz solar permítelle ao noso organismo producir vitamina D
O confinamento tivo a unha gran parte da poboación sen pisar a rúa durante semanas. Agora que xa se pode saír a pasear ou facer deporte, hai que aproveitar o tempo para recargarnos de luz solar, indispensable para manter uns niveis adecuados de vitamina D. Esta vitamina é fundamental para a formación e o mantemento dos ósos, intervén como regulador nalgúns procesos inflamatorios, no control dos sistemas nervioso e muscular, e ademais favorece a resposta do sistema inmunolóxico fronte a infeccións respiratorias.
A vitamina D encóntrase en poucos alimentos, como os peixes azuis, o ovo, ou os derivados lácteos, pero a diferenza doutras vitaminas, non dependemos totalmente do que nos dá a comida, xa que o noso organismo é capaz de producila, e achega ata un 90 por cento da que necesitamos. E aquí é onde intervén o sol. Cando os raios ultravioleta do sol inciden directamente sobre a nosa pel converten unha sustancia química nunha forma bioloxicamente inactiva da vitamina; despois este precursor experimenta outras transformacións no fígado e nos riles para converterse na forma activa da vitamina D, que é a que intervén nos procesos que regula esta vitamina, como a fixación de calcio e fósforo nos ósos.
A produción de vitamina D no noso organismo depende de factores como a estación do ano -no inverno adoita ser menor-, a latitude, pola diferente incidencia da luz solar, ou a pigmentación da pel. Pero polo xeral, é suficiente expoñer a pel uns 15 ou 20 minutos ao día, e seguir unha dieta equilibrada para ter uns niveis adecuados.
Do remedio á causa
O descubrimento de vitaminas como a B, C e a D, produciuse ao investigar algunhas enfermidades que tiñan unha elevada incidencia en varios grupos de poboación en séculos pasados: o beriberi, no caso da B; o escorbuto, relacionado coa deficiencia da C; e o raquitismo, vinculado á D. O persoal médico investigou cara a finais do século XIX que a introdución de determinados alimentos na dieta previña esas enfermidades. No caso do raquitismo era o fígado de bacallau, pero tamén se demostrou que a exposición á luz solar era moi efectiva para a súa cura e prevención. Naquela época, preto do 90 por cento da poboación infantil que vivía en ambientes urbanos contaminados e sen suficiente exposición á luz solar sufría esta enfermidade.
Con estes estudos estaban a darse os primeiros pasos cara ao descubrimento dun novo tipo de nutrientes, as vitaminas, que se sumaban ás proteínas, graxas e hidratos de carbono, e que se revelaron como esenciais para manter un bo estado de saúde.

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible