Concello da Coruña

Concello da Coruña

Visitas escolares

Oferta escolar curso 2022/2023

CASA DAS CIENCIAS

  • EXPOSICIÓNS
  1. Pitiños. NOVO. A incubadora de pitiños da planta baixa renovouse para contemplar mellor o proceso de eclosión do ovo e o nacemento de polos de galiña. Esta nova versión tamén conta con espazo para observar poliños de poucos días.
  2. Exploratorium. Novos módulos interactivos para descubrir sucesos sorprendentes, investigar efectos singulares, facerche preguntas e aprender a buscarlles resposta. Vive en primeira persoa fenómenos relacionados coa tensión superficial, a luz, as ondas sonoras, o movemento circular ou as forzas magnéticas.
  3. A astronomía como cha contan. Meteoritos, fósiles de dinosauro, fragmentos dunha nave espacial soviética ou dos paneis do telescopio espacial Hubble forman parte desta exposición sobre a forma en que asimilamos noticias de astronomía a través dos medios de comunicación.
  4. Puro Swing. Unha exposición sobre péndulos cos que xogar e aprender a facer música, randearse dunha maneira diferente ou sentir no teu corpo as propiedades dos sistemas caóticos. Ademais dunha explicación do funcionamento do famoso botafumeiro.
  • PLANETARIO
  1. Dinosauros. Unha historia de supervivencia. NOVO. Unha apaixonante aventura na que a protagonista, Celeste, unha nena curiosa e inquieta, visitará a Terra nun pasado moi remoto, no que verá as fascinantes transformacións que acompañaron os dinosauros durante millóns de anos creando criaturas xigantes, seres acoirazados e super depredadores, ata o día no que o grande impacto dun meteorito provocou unha extinción masiva na Terra. Duración: 35 minutos. Idade: maiores de 6 anos.
  2. Viaxando coa luz. Un percorrido pola importancia da luz para a vida e a astronomía. O Sol proporciona a enerxía, a luz e a calor que fan posible a vida na Terra, pero os humanos tamén aprendemos a utilizar o lume e, actualmente, moitas outras fontes de luz artificial. Duración: 30 minutos. Idade: maiores de 8 anos.
  3. A noite é necesaria. Un programa sobre os efectos da excesiva iluminación das nosas cidades, desde a perda do ceo nocturno ata o seu impacto sobre a factura da iluminación pública, os ecosistemas nocturnos ou a nosa propia saúde. Duración: 30 minutos. Idade: maiores de 10 anos.
  4. Astronomía en directo. Unha sesión de planetario que comeza coa explicación dos astros máis notables que se poden observar no ceo na época da visita, para despois convidar a expoñer preguntas nunha conversa ilustrada con todos os recursos audiovisuais do Planetario. Duración: 45 minutos. Idade: adaptada a calquera idade.

Dispoñemos doutros programas que se poderán elixir no momento de chegar ao museo.

DOMUS

  • EXPOSICIÓNS
  1. Dando a luz. NOVO. O parto é un dos elementos icónicos da Domus e renóvase para facernos chegar os detalles dun proceso biolóxico polo que pasamos todos e todas, e que ten lugar case 400.000 veces cada día por todo o planeta. No novo módulo pódense ver as imaxes de dous nacementos. É un momento único no que se mesturan a dor, a alegría e a emoción. A experiencia varía dunha muller a outra, dependendo da sensibilidade, as expectativas e a contorna que a rodea. Para o/a bebé, o propio nacemento é un acontecemento dunha intensidade extraordinaria. O choque de adrenalina contrarresta a falta de osíxeno na etapa final e prepara a/o bebé para o cambio repentino á respiración cos seus pulmóns.
  2. Bocados: unha exposición sobre a nutrición e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Todas as persoas teñen dereito a unha alimentación adecuada. Por este motivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU comprométennos para actuar a favor de cambios globais e integrados que permitan poñer fin á fame e á malnutrición antes de 2030. Esta exposición aborda temas que van desde a vida urbana e a educación ata o acceso á auga, a saúde ou a igualdade de xénero. Os ODS son 17 obxectivos que están relacionados, de forma directa ou indirecta, coa nutrición. Unha boa nutrición constitúe a base para garantir o benestar e o potencial humano. Non é só un produto do desenvolvemento, senón tamén a semente que posibilitará un futuro mellor. O reto é pensar en global e actuar en local para a transformación cara a unha nutrición, e un mundo, máis sostible.
  • CINEMA

«Claqueta científica». É un programa audiovisual que convida o público escolar a descubrir o cinema producido polos nosos científicos e científicas e o que nos contan sobre a ciencia. Cada mes poderedes asistir a unha selección diferente de tres curtas científicas, que incluirán temas relacionados co medio ambiente, a investigación de fósiles ou a vocación científica, entre moitos outros. Gratuíto.

Ofreceranse estes títulos:

  1. The Melting point. NOVO. Prisma Casa das Ciencias 2021. O fenómeno da desaparición dos glaciares viuse gravemente acelerado polo cambio climático nas últimas décadas. Desde que se teñen datos, as persoas expertas revelan que tres cuartas partes dos glaciares pirenaicos xa desapareceron. Da preocupación que emerxe destas cifras xorde o interese principal que envolve a esta curtametraxe: explorar da man de recoñecidas persoas expertas a data da desaparición da última masa de xeo no Pirineo, e analizar ata que punto a desaparición dos glaciares pirenaicos está relacionada coa acción humana e o cambio climático. Duración: 29 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de educación primaria, educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos.
  2. Descubre con Tadeo. Tadeo Jones é un guía ideal, entrañable, divertido e popular que nos mostra o traballo que realizan os centros de investigación en España. O intrépido explorador, protagonista da película de animación que máis entradas vendeu da historia do cinema español, viaxará a diversos enclaves nacionais como as Covas de Altamira, o Parque Natural de Doñana, a Serra de Atapuerca, o Buque de Investigación Oceanográfico ou o Gran Telescopio de Canarias, entre outros. Duración: 20 minutos. Nivel educativo: educación primaria.

TALLERES E ACTIVIDADES

>> LABORATORIO ABERTO

A capacidade máxima é de 25 persoas por taller

  1. PCR: Investigamos a escena do crime. Experimentando coa técnica da PCR (reacción en cadea da polimerasa), o alumnado poderá simular a elaboración de perfís de ADN tal e como se realizan habitualmente nos laboratorios forenses. Duración: 2 horas e media. Nivel educativo: 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos.
  2. Xperimenta coas flores. Cada estudante realizará a súa propia disección de flores con todo o equipo científico que se utiliza ao investigar a natureza. Duración: 1 hora. Nivel educativo: 3.º a 6.º de primaria.
  3. Bocados». Un taller para descubrir a nutrición como nunca a vías. Exploraremos os cereais, faremos cociña molecular e aceptaremos o reto dun concurso moi saboroso. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: 5.º de primaria a 4.º de ESO.
  4. Como se desenvolven os fármacos? Para participar na síntese dun novo fármaco que se está investigando para o Parkinson. Duración: 2 horas. Nivel educativo: educación secundaria (3.º e 4.º de ESO), bacharelato e ciclos formativos.
  5. Diseccións en directo. Nivel educativo: educación primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Duración: 1 hora
  6. Artistas da prehistoria. Un taller no que converterse en artista prehistórico e coñecer os materiais, técnicas e temas favoritos dos nosos antepasados. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: educación primaria (3.º a 6.º) e educación secundaria (1.º e 2.º).
  7. ExploraDomus Escola. A cociña é un laboratorio de ciencia! Un taller para explorar a ciencia máis próxima. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: educación primaria (1.º e 2.º).

>> ESPAZO MAKER@DOMUS

«circuitos@domus». Un taller para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e moitos outros compoñentes eléctricos, para comezar a comprender o mundo da electricidade, así como crear conexións eléctricas entre obxectos cotiáns e descubrir outras moi sorprendentes. Martes das 11:00 ás 12:30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º e 2.º de ESO.

  1. robots_garabateadores@ domus. A proposta é que o alumnado invente o seu propio dispositivo de motor que se mova das formas máis inesperadas e debuxe garabatos incribles. Construirase con elementos moi sinxelos e un motor que, ao vibrar, fai que o robot se mova pintando curiosos trazos. Martes das 11:00 ás 12:30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º e 2.º de ESO.
  2. electrónica_textil@domus. Fabrica unha pequena peza de tecnoloxía que podes vestir nunha festa ou cando ti queiras. Cose con fío condutor e usa outros materiais sofisticados para poder darlle á túa creación o aspecto que máis che guste. Martes das 11:00 ás 13:00 h. Duración: 120 minutos. Nivel educativo: 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de ESO.
  3. autómatas_de_cartón@domus. Deseña e constrúe un mecanismo que che axude a contar unha historia. Explora e mellora as túas habilidades mecánicas e artísticas para facelo máis sofisticado e que se adapte máis ao relato que imaxinas. Martes das 11:00 ás 13:00 h. Duración: 120 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de ESO.

AQUARIUM FINISTERRAE

  • EXPOSICIÓNS

SALA MAREMAGNUM. Ademais de grandes acuarios contén decenas de elementos museísticos que propoñen experiencias interactivas. Seguimos renovando os seus contidos, como o tanque cilíndrico, o acuario de augas profundas e a OceanoSfera (proxector esférico que permite simular fenómenos naturais a escala planetaria).

SALA ISABEL CASTELO

«Fotógrafos da natureza 2022». NOVO. Contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year. Inclúe imaxes que sorprenden pola beleza da natureza e mostran como tratamos e maltratamos esa mesma natureza; simultaneamente lémbrannos a urxencia de protexela.

SALA HUMBOLDT

«Sexo azul». Presenta unha selección curiosa e divertida de especies que representan a variedade de estratexias reprodutivas dos animais acuáticos. Entre os módulos inclúen dez acuarios que mostran peixes e invertebrados mariños especialmente interesantes.

CORREDOR LÓPEZ SEOANE. NOVO

Alberga exposicións fotográficas sobre historial natural cuxo contido cambia periodicamente. Este curso temos programado comezar cunha sobre mamíferos mariños da nosa costa atlántica.

SALA NAUTILUS

Está mergullada nunha gran piscina de cinco millóns de litros de capacidade e a súa decoración lembra a do gabinete do capitán Nemo a bordo do Nautilus. Ao redor da sala nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as quenllas, corvinas, seriolas, douradas, robalizas e meros. Tamén hai bancos de xardas e xurelos.

EXTERIORES

Aquí atópase a áncora do petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 encallou fronte á Torre de Hércules e provocou unha marea negra; e na piscinas viven tres machos e nove femias de Phoca vitulina.

  • TALLERES E ACTIVIDADES

Os grupos escolares poderán reservar unha visita libre ao Aquarium ou complementala con algún dos nosos itinerarios e talleres:

ITINERARIOS XERAIS

  1. Veñen as/os peques. Os grupos terán a posibilidade de reservar unha visita guiada, e adaptada ao seu nivel, polos nosos espazos expositivos. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: educación infantil. Grupos de 50 persoas como máximo.
  2. Mundo submarino. Os grupos poderán iniciar a súa visita cun itinerario polos acuarios da sala Maremagnum e terminar cunha visita á sala Nautilus. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: educación primaria. Grupos de 50 persoas como máximo.
  3. Viaxe ao Nautilus. Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre as especies que habitan o maior tanque do acuario. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.

Se o grupo se atrasa máis de 15 minutos na hora de chegada, perde a opción de realizar o itinerario elixido.

ITINERARIOS TEMÁTICOS. NOVO

  1. Reproducirse baixo omar . Os grupos poderán complementar a súa visita cun itinerario sobre os variados procesos de reprodución que empregan as especies mariñas; centrarémonos nas que mantemos na exposición «Sexo Azul». Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  2. Planeta océano. Os grupos poderán complementar a súa visita cun itinerario sobre diferentes cuestións oceanográficas (salinidade, mareas, correntes), as efemérides históricas máis destacables e sobre a diversidade biolóxica na sala Maremagnum. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  3. Sinais de alarma. Os grupos poderán complementar a súa visita cun itinerario sobre algúns dos cambios ambientais que están a sufrir os océanos e que ameazan a súa biodiversidade. Inclúe visitas á sala Nautilus e á piscina das focas. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Primaria (cursos 5º e 6º), Educación Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.

Se o grupo se atrasa máis de 15 minutos na hora de chegada, perde a opción de realizar o itinerario elixido.

TALLERES

  1. Quenllas á vista. Preséntanse aspectos curiosos da bioloxía das quenllas, dos peixes e dos invertebrados mariños do Aquarium Finisterrae. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.
  2. As focas do acuario. Coincidindo co momento en que se lles dá de comer ás focas, impártense charlas sobre as características destes mamíferos mariños e sobre o adestramento. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

Normas xerais das visitas

  • Ao acceder ao museo, a persoa responsable do grupo dirixirase á recepción para organizar a visita. Mentres tanto, o grupo deberá permanecer no exterior ou no espazo indicado polo persoal de atención ao público.

  • O persoal docente acompañante será o responsable do cumprimento das normas da visita aos Museos Científicos Coruñeses.

>> INFORMACIÓN ADICIONAL

Prezos

> Cota especial*

  • Casa das Ciencias: 0 €
  • Planetario: 0 €
  • Domus: 0 €
  • Aquarium Finisterrae: 0 €

*Cota especial só para grupos con reserva previa nalgún destes casos:

  • A Coruña | Grupos de centros educativos do Concello da Coruña
  • XANEIRO E FEBREIRO | Grupos que nos visiten nos dous primeiros meses do ano.
  • AMIGOS | Se o centro escolar é socio da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

> Tarifa reducida

Os grupos escolares sen cota especial, pero con reserva, teñen tarifa reducida:

Casa das Ciencias: 1 €

Planetario: 1 €

Domus: 1 €

Aquarium Finisterrae: 4 €

> Gratis total

En ningún caso pagan entrada:

  • O profesorado, se acompaña a un grupo escolar ou se vai debidamente acreditado.
  • O alumnado con discapacidade física ou psíquica
  • Grupos cuxo profesorado asista a unha reunión de preparación previa da visita.
  • Menores de 4 anos

> Xornadas de portas abertas

Os tres museos son gratuítos estes días do curso 2022/2023:

  • Festivo local do Concello da Coruña: 7 de outubro de 2022
  • Semana da Ciencia: do 14 ao 20 de novembro de 2022
  • Martes de Entroido: 21 de febreiro de 2023
  • Día da Ciencia na Rúa: 6 de maio de 2023
  • Día dos Museos: 18 de maio de 2023
  • San Xoán: 24 de xuño de 2023

Onde comer?

  • Picnic da Domus

Traede a vosa comida ao picnic da Domus. Haberá dúas quendas de luns a venres, ás 13.00 e 14.00 h, para unha capacidade máxima de 32 persoas.

  • Comedor do Aquarium Finisterrae

Temos mesas e cadeiras para un grupo máximo de 50 persoas. De luns venres en dúas quendas, ás 13:00 e ás 14:00 horas

Como reservar?

1. Escolle as visitas e/ou actividades que queres levar a cabo co teu grupo escolar nos Museos Científicos Coruñeses.

2. Enche a folla de reserva que podes descargar ao final desta páxina web. Neste proceso podes seguir unha destas dúas opcións:

  • Abre o formulario no teu navegador web (preferiblemente Chrome), cúbreo e descárgao coa opción "Cos teus cambios".
  • Descarga o formulario, ábreo con Adobe Acrobat Reader DC, cúbreo e gárdao.

3. Envíanos a folla de reserva correspondente cuberta a través dalgún destes medios:

  • Correo electrónico: reservas@casaciencias.org
  • Fax: Casa das Ciencias: 981 189 847 / Domus: 981 189 841 / Aquarium Finisterrae: 981 189 843

> Importante

A reserva só quedará formalizada cando comuniquemos a confirmación do número exacto de prazas reservadas, a data ou datas de visita e o programa detallado.

> Máis información:

Teléfono: 981 189 848

Correo electrónico: reservas@casaciencias.org

Documentos relacionados

  • Formulario de solicitude de reserva de visita (galego) (369 KB)
  • Formulario de solicitude de reserva de visita (castelán) (369 KB)

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión