23 de xullo de 2025
Do 9 ao 17 de agosto as sesións de planetario, excepto a infantil das 17.00 horas, dedicarán uns minutos para explicar como ver esta choiva de estrelas estival
As perseidas son unha das mellores choivas de estrelas do ano, especialmente nas nosas latitudes, xa que teñen lugar nunha época na que a probabilidade de ceos despexados é alta en Galicia. Por iso, como cada verán, o planetario da Casa das Ciencias dedicará, do sábado 9 ao domingo 17 de agosto, uns minutos extra en todas as súas sesións, menos a infantil das 17.00 h, para dar recomendacións sobre como observalas.
Para gozar das perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lorenzo, non se precisan instrumentos ópticos, como prismáticos ou telescopios, nin se requiren coñecementos especiais de astronomía, xa que os meteoros poden verse por toda a bóveda celeste. Iso si, todas as súas traxectorias parecen xurdir da constelación de Perseo (de aí o seu nome) que emerxe polo horizonte, en dirección nordeste, pasada a medianoite.
Esta choiva de estrelas non é outra cousa que diminutos restos do cometa Swift-Tuttle, que cun tamaño inferior ao de grans de arroz, entran na atmosfera a gran velocidade e deixan ao seu paso un rastro luminoso que pode chegar a durar varios segundos. Producen, no seu momento de maior intensidade, uns 100 meteoros por hora, pero a probabilidade de velos dependerá tanto de que esteamos nun lugar o suficientemente escuro como da fase da Lúa, xa que o brillo do noso satélite ilumina o ceo e impide ver os meteoros máis débiles.
Este ano o máximo das perseidas producirase a noite do 12 ao 13 de agosto, coincidindo coa Lúa case chea, o que dificultará a observación. Nestas condicións, o máis recomendable é situarse nun punto no que algún obstáculo (un muro, unha árbore...) bloquee a luz directa do noso satélite. Tamén é importante lembrar que as perseidas duran varios días, e que podemos aproveitar as primeiras horas das noites posteriores ao máximo, antes da que a Lúa saia polo horizonte. E se este ano non vemos tantas estrelas fugaces como desexariamos, abonda con agardar ao ano que vén porque o 12 de agosto do 2026 teremos unha eclipse total de Sol que pasará por parte de Galicia e, por tanto, o máximo das perseidas coincidirá con lúa nova e noites moito máis escuras e contrastadas.
Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña

29 de outubro de 2025
Un novo programa, dirixido a público familiar, que se incorpora á carteleira do planetario da Casa das Ciencias

24 de setembro de 2025
Unha exposición retrospectiva con imaxes de astronomía de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración

20 de setembro de 2025
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 15 de novembro no Concello da Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible