22 de setembro de 2022
Xa está dispoñible o servizo de reservas para os grupos educativos, que poderán gozar de experiencias únicas programadas para este curso.
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae xa están preparados para recibir aos grupos escolares cunha oferta de exposicións, obradoiros e proxeccións que permitirán ao alumnado complementar os contidos curriculares.
No Aquarium Finisterrae a principal novidade é a oferta de itinerarios temáticos, como o titulado «Reproducirse baixo o mar», para coñecer os variados procesos de reprodución que empregan as especies mariñas, o itinerario «Planeta océano», no que se abordan diferentes cuestións oceanográficas (salinidade, mareas, correntes), efemérides históricas e a diversidade biolóxica na sala Maremagnum, ou o itinerario «Sinais de alarma», sobre algúns dos cambios ambientais que están a sufrir os océanos e que ameazan a súa biodiversidade.
Na Domus, os grupos escolares poderán coñecer o recentemente renovado vídeo do parto, coas imaxes de dous nacementos que amosan un proceso biolóxico polo que pasamos todos os seres humanos e que ten lugar case 400.000 veces cada día en todo o planeta. A visita polas salas de experiencias interactivas pódese complementar con sesións de cinema e con actividades e obradoiros no Laboratorio Aberto e na sala maker@domus. Experimentar coa técnica da PCR, a disección de flores, explorar diferentes aspectos da nutrición ou construír unha variedade de mecanismos e artefactos tecnolóxicos utilizando materiais sinxelos e moita imaxinación son algunhas das súas propostas.
Na Casa das Ciencias, unha das principais novidades será a renovada incubadora de pitos, cun deseño que permitirá contemplar mellor o proceso de eclosión do ovo e o nacemento de pitos de galiña. Ademais, a oferta escolar para este curso ofrece un abano de programas de Planetario para os diferentes niveis educativos, incluíndo sesións en directo sobre o ceo que se pode contemplar na época da visita.
Os grupos escolares gozan de tarifas reducidas para o acceso aos Museos Científicos. No caso dos centros educativos do municipio da Coruña a entrada é gratuíta.
Museos-Cientificos_Oferta-Educativa-curso-22-23-PROGRAMA-GAL.pdf (2 MB)
Tamén che pode interesar
24 de novembro de 2023
Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro haberá diversas actividades e proxeccións.
7 de novembro de 2023
Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano a Semana da Ciencia, de entrada gratuíta, incluirá dúas fins de semana.
10 de outubro de 2023
Foron outorgados os Prismas de Bronce en sete das oito categorías do premio, quedando deserta a de texto inédito ou autoeditado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible