3 de xullo de 2015
Xulio Ferreiro avogou pola colaboración entre terminais durante a inauguración do novo tramo da pista
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, chamou este venres, durante a inauguración da ampliación da pista do aeroporto de Alvedro, a traballar para facer desta infraestrutura “un lugar de benvida, non de fuxida”, en alusión “ao éxodo de mozos e mozas moi ben preparados obrigados a buscarse o pan noutras latitudes”.
Na súa intervención, Ferreiro salientou tamén que o aeroporto coruñés, situado no termo municipal de Culleredo, “representa á perfección esa idea da Coruña como espazo aberto, que vai máis alá da Ponte da Pasaxe ou do Monte da Zapateira para constituírse como comarca, como actor central metropolitano e, por suposto, galego”. Nesa liña, avogou pola cooperación dos aeródromos, na vez de facer destas infraestruturas “mercancía partidista e munición localista”. “Seremos máis fortes colaborando; os nosos aeroportos ofrecerán un rendemento maior á nosa economía social se apostan pola axuda mutua, lonxe da competitividade mal entendida”, considerou o alcalde, quen valorou os avances, presentes e futuros, nas instalacións aeroportuarias de Alvedro, “sempre que estes repercutan no ben común e non obriguen a deixar de lado as prioridades sociais que estes tempos marcan”.
Durante a inauguración, na que estiveron presentes, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a ministra de Fomento, Ana Pastor, o alcalde Culleredo, Julio Sacristán, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, Ferreiro tamén fixo referencia ao propio acto institucional, do que sinalou que é “unha posta en escena, un concepto e unha tradición que, como tantos outros, tal vez esixa ser revisado por parte de todas e de todos”.

10 de decembro de 2025

20 de novembro de 2025

14 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible