Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de abril de 2017

O Goberno local limpa e reconstrúe un treito da canalización do río Monelos, "para mellorar a seguridade e as súas condicións para a inspección e mantemento"

O alcalde inspeccionou esta mañá os labores, nos que o Concello retirou, por primeira vez desde a construción deste tramo hai medio século, máis de 1.600 toneladas de residuos sólidos sedimentados na zona

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado polo edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitou esta mañá o río Monelos, co obxectivo de inspeccionar as obras de mellora e mantemento que o Goberno local está a realizar sobre a canalización do mesmo. As actuacións, que teñen lugar no treito que vai desde o cruzamento entre a rúa Caballeros e a avenida Alcalde Pérez Ardá até a praza Elvira Bao Maceiras, consisten na reconstrución do lateral esquerdo así coma do calzado do muro dereito polo que transcorre o Monelos. Tal e como sinalou Xiao Varela, durante unha inspección cotiá, os servizos municipais de Infraestruturas detectaron que na embocadura da dobre condución --da obra realizada na canalización do ano 1967-- polas que o río segue o curso neste treito quedara practicamente intransitable debido ao desprendemento de parte do muro do lateral esquerdo da canalización, o que provocou, asemade, o agravamento da erosión da base do muro da marxe dereita sobre a que baten as augas. "O río foi socavando o muro de contención de formigón, deixándoo practicamente descalzo, polo que, por seguridade, se decidiu actuar á maior brevidade posible", explicou o edil.

Na primeira fase de actuacións, iniciada o pasado 1 de febreiro, procedeuse a retirar todo o material e residuos arrastrados tanto polas augas a raíz do desprendemento do lateral esquerdo do muro e os derivados do desgaste da base do muro situado á beira dereita do río pola erosión do mesmo, así como os refugallos acumulados desde a construción deste treito, situado na zona que abrangue "o fin histórico de Monelos", lembrou o responsable municipal --no cruzamento entre Caballeros e Pérez Arda--, xunto á ponte vella do río "e que aínda hoxe se conserva baixo a glorieta". "Xusto no ano que este treito da condución cumpre medio século, o Concello da Coruña fai limpeza por vez primeira nesta zona e retira os residuos sólidos sedimentados ao longo destas décadas", especificou Varela. En total, e foron retirados un total de 636 metros cúbicos de refugallos --que equivale a máis de 1.600 toneladas-- ao longo de máis de 400 metros de percorrido.

O concelleiro cualificou como "moi complexa e laboriosa" esta intervención, "tanto polas condicións do espazo, dificilmente accesible, como polas circunstancias derivadas do mesmo, que supuxo o emprego de maquinaria moi lixeira para poder acometer esta actuación de enorme calado no subsolo", sinalou. "A dificultade organizativa deste tipo de obras enténdense mellor se pensamos na similitude que teñen co traballo na galería dunha mina: cada metro cúbico de material, así como a máquina que realice calquera operación, ten que facer de cada vez un longo e estreito percorrido entre a boca e o punto onde se estea a traballar; e precisa dun potente sistema de ventilación e extracción de aire, ás veces instalando chemineas de ventilación nos pozos intermedios", explicou o edil.

Tras a retirada de refugallos, o Concello iniciou a reconstrución tanto o muro lateral esquerdo como a base do río nun treito de máis de 7 metros. Para que a corrente resulte menos erosiva na base, melloraranse as súas condicións a través dunha guía que forma dous canais na bifurcación da galería, de forma que equilibre así a cantidade de auga que se distribúe por cada condución. Ademais, levantarase o recalce do muro e aproveitarase esta mesma base para crear unha zona de paso máis segura para realizar as inspeccións. Ao tempo que se poñen en marcha estas actuacións, durante a intervención procederase a destapar, pola obturación que presentan, diversas saídas da canalización, así a arranxar desembocaduras de pluviais que presentaban danos. Por último, de cara mellorar o servizo e axustar e adecuar o espazo ás condicións cambiantes de mantemento, o Concello levará a cabo a instalación dun portairo que facilitará o acceso ao río "para as inspeccións e labores que sexan necesarios realizar nesta zona e evitar novos episodios como este", especificou Varela, quen sinalou que está previsto que os traballos finalicen na primeira quincena do mes de maio.

En total, o Goberno municipal destinará 58.927 euros ás obras do Río Monelos, ao que cómpre engadir o custe da retirada do importante volume de refugallos. O titular de Rexeneración Urbana fixo fincapé no esforzo orzamentario que fai o executivo local "a prol de coidar e manter o que é de toda a cidadanía", así como de realizar un seguimento continuado do seu estado "coa finalidade de optimizar os recursos que xa temos". "Investir en obras como as que se están a acometer no río Monelos, no lugar de anunciar con grandes fastos intervencións faraónicas ou que non responden á demandas históricas da veciñanza, supón asegurar a durabilidade das conducións, garantir a seguridade da cidadanía e mellorar a súa calidade de vida, así coma do medio ambiente". O edil referiuse ás intervencións que o executivo coruñés realizou no primeiro trimestre do ano sobre o bombeo de saneamento de augas fecais da rúa Brasil e a súa conexión coa rede de saneamento, cuxas verteduras ían parar ao Río Monelos. Esta actuación, contemplada no plan municipal Vertido Cero, tiña como obxectivo poñer fin a un dos puntos de vertedura de maior carga contaminante detectados na cidade e que permitirán canalizar á EDAR de Bens para o seu tratamento todas as augas residuais do edificio administrativo de Monelos (Novos Ministerios), así como aquelas procedentes da mazá de vivendas entre as rúas Brasil, Caballeros e Pérez Ardá, que ata o de agora vertían directamente ao río de Monelos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión