23 de maio de 2017
O prego explicita como condición para presentarse á licitación non ter realizado operacións delitivas en paraísos fiscais
O equipo de Goberno trasladará á próxima Xunta de Goberno local, que se reunirá en sesión extraordinaria mañá mércores, o prego de condicións administrativas que rexerán o contrato de préstamo que o Concello ten previsto asinar para o financiamento dos investimentos dos Orzamentos municipais deste ano 2017, por un importe de 8,651 millóns de euros. Nos criterios que se recollen para a selección da entidade adxudicataria cóntase, ademais do prezo das operacións financeiras, o compromiso das entidades coas políticas sociais de vivenda e contra os desafiuzamentos. A este fin, valorarase a aquelas entidades que non teñan promovido desde xaneiro de 2016 ningunha execución xudicial ou extraxudicial de préstamo ou crédito con garantía hipotecaria concedido para a adquisición de vivenda que constitúa única residencia habitual no municipio e, igualmente, que non teñan promovido lanzamentos derivados da execución dun préstamo ou crédito da mesma natureza de persoas debedoras residentes na Coruña e que se atopen nalgún suposto de especial vulnerabilidade. Dentro dese obxectivo de favorecer o compromiso coas políticas sociais de vivenda, o prego de condicións puntúa tamén a adhesión, por parte das entidades que opten ao contrato, ao Código de Boas Prácticas para a reestruturación viable das débedas con garantía hipotecaria sobre vivenda habitual. Como se fai constar, estas circunstancias deberán acreditarse por parte das entidades mediante declaración responsable.
Ademais, entre os requisitos que se recollen no prego de condicións para presentarse á licitación inclúese a esixencia de non ter realizado operacións financeiras en paraísos fiscais (segundo a lista de países elaborada polas Institucións Europeas ou avalada por estas ou, na súa falta, polo Estado español) que sexan consideradas delitivas nos termos legalmente establecidos -branqueo de capitais, fraude fiscal ou contra a Facenda Pública-, unha condición que tamén deberá acreditarse mediante declaración responsable. No caso de realizar actividades legais nun paraíso fiscal, as licitadoras deberán presentar unha memoria descritiva das mesmas, na que se inclúa o país, actividade e volume de negocios, que poderá ser publicada no Perfil do Contratante.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible