5 de marzo de 2018
A Cámara municipal deu tamén luz verde á aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación dos volumes de Riazor, “trámite necesario para acometer as obras previstas de reforma e conservación da cuberta do estadio”
O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta tarde de forma inicial a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no ámbito da Solana, unha actuación "encamiñada a blindar a titularidade pública dun terreo especialmente simbólico para a cidadanía da Coruña, que representa o patrimonio do bordo litoral" e que estivo a piques de ser subastado pola Autoridade Portuaria o pasado ano. O alcalde, Xulio Ferreiro, expuxo este asunto -en ausencia do titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela- e indicou que "o que se pretende con esta aprobación é defender unha peza máis do bordo litoral da nosa cidade fronte e ansias ou intereses especulativos". "Queremos que este espazo regrese ao lugar que nunca debeu abandonar e pretendemos dar marcha atrás a unha medida temeraria e inxustificada, na que non mediaron alegacións, informes nin exposición pública e que derivou en que un terreo de natureza pública tornase en privado", dixo, en alusión ao cambio de natureza urbanística deste espazo impulsado polo goberno municipal do Partido Popular. Coa aprobación inicial da modificación puntual do PXOM, que foi posible cos votos a favor do grupo de goberno e o PSOE, e a abstención do PP (a concelleira do BNG, Avia Veira, non puido acudirá sesión plenaria) culmina a primeira parte dun proceso que pretende mudar de privada a pública a natureza do espazo libre comprendido na parcela onde, na actualidade, se ubica o parque deportivo ocupado polo complexo da Solana.
O primeiro edil recordou na súa exposición que esta zona gañada ao mar pertencía ao dominio público marítimo terrestre e que no mesmo se asentaba a coñecida como praia do Parrote. Así, fixo alusión á aprobación definitiva do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2013, cando as determinacións contidas sobre estas parcelas foron modificadas, xa que en 2009 o Pleno municipal dera o visto e prace a que a parcela na que asenta o complexo deportivo da Solana estivese incluída no sistema xeral de espazos libres, con carácter público. "Con esta modificación do PXOM, cuxo traballo xa iniciamos o ano pasado, o que pretendemos é recuperar o sentido común. A modificación que queremos levar a cabo cumpre varios obxectivos que xustifican o seu interese xeral. Non só cremos na necesidade de recuperar o carácter público destes terreos, tamén cremos que, desta forma, respondemos á vontade da cidadanía e da maioría do Pleno, que aprobou distintas mocións neste sentido", subliñou.
Protocolo de colaboración
Durante a súa intervención, Ferreiro recordou como en 2004, os responsables políticos naquel momento de Concello, Xunta e Estado asinaron uns convenios urbanísticos que tiñan por obxectivo financiar parte da construción do Porto Exterior. "Fixérono mediante uns acordos pouco realistas, nos que o goberno central eludiu moitas das responsabilidades que tiña coa cidade da Coruña e cargando excesivamente o peso deste financiamento sobre a Autoridade Portuaria", comentou o primeiro edil, que indicou que esta situación non podía servir de argumento para permitir a venda do patrimonio litoral da cidade. "Conseguir a titularidade pública do bordo litoral non é unha batalla deste goberno, é a batalla desta cidade. A esta cidade, á súa veciñanza, o que lle preocupa é o seu futuro, que non se especule con el, e creo que iso é algo claro xa que, no caso contrario, o señor Feijóo non tería feito un anuncio nese sentido", manifestou, á vez que lamentou que "catro meses despois do mesmo, non teñamos ningún dato máis".
Así, o mandatario local aproveitou a súa intervención para volver solicitar "lealdade" por parte de todas as administracións implicadas no futuro dos peiraos da Coruña e reivindicou que tanto o Concello como a cidadanía non sexa excluídos das decisións relativas ao futuro do bordo litoral. "Non é de recibo que o alcalde da Coruña se teña que enterar pola prensa da proposta do presidente da Xunta para a fachada atlántica. Non podemos aceptar, de ningún modo, que o futuro da cidade da Coruña se decida nun despacho de Santiago ou de Madrid", comentou, á vez que volveu insistir "na vontade de colaboración e diálogo do Concello da Coruña". "Seguimos en pé coa nosa proposta de revisar os convenios de 2004 e artellar o futuro do borde litoral da nosa cidade, lonxe da especulación, mediante a colaboración de todas as administracións con competencias a través dun consorcio público participado polas distintas administracións", dixo, á vez que recordou o protocolo de colaboración remitido polo Concello o pasado ano á Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria e Puertos del Estado. "O futuro da cidade da Coruña decídese na Coruña. Fronte á deslealdade, a propaganda e as fotos, seguimos ofrecendo o noso protocolo de colaboración, que permitirá iniciar a todas as administracións un traballo conxunto para o rescate do bordo litoral e o impulso do novo horizonte litoral".
O documento elaborado polo Concello para xustificar a modificación urbanística considera que o espazo en cuestión "é un elemento clave que conforma a fronte marítima da ría da Coruña e presenta características singulares, tanto pola súa orixe como por atoparse dentro do ámbito do conxunto histórico artístico da Coruña e, ademais, estar na contorna de protección do elemento arqueolóxico das murallas do Parrote". A proposta de modificación do PXOM xa foi sometida ao preceptivo trámite de avaliación ambiental estratéxica por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta.
Riazor
Por outro lado, a Cámara plenaria municipal tamén deu o visto e prace por unanimidade das e dos concelleiros presentes á aprobación definitiva do estudo detalle para a ordenación de volumes do estadio de Riazor, trámite necesario para poder acometer as obras previstas de reforma e conservación da cuberta e das estruturas metálicas das bancadas do recinto deportivo. "Este estudo de detalle ten por obxecto o reaxuste de alineación, a ordenación de volumes e o estabelecemento de condicións estéticas de composición da zona de Riazor, onde este verán se acometerá a obra de maior volume de investimento do mandato", comentou o concelleiro de Deportes, José Manuel Sande.
"Este trámite tradúcese no impulso a unha actuación que redundará na seguridade das miles de persoas que cada dúas semanas se achegan a este espazo que, ademais, xoga un papel importante na imaxe promocional da nosa cidade no exterior", comentou. O estudo detalle pasou xa por un prazo de exposición pública que rematou sen alegacións. "Con este trámite evitaremos caer en erros do pasado, xa que nos aseguramos que o proxecto e proceso de construción está adaptado ás determinacións urbanísticas vixentes", indicou. O titular de Deportes quixo destacar "a dilixencia coa que se abordou toda a planificación desta importante obra, que se levará a cabo sen alterar o calendario de partidos que congrega a miles de coruñeses e coruñesas en Riazor". "As melloras que implica este proxecto son evidentes", dixo Sande, quen tamén reivindicou o traballo que está a levar a cabo o goberno local no resto de equipamentos deportivos a cidade. "O ano pasado realizamos 45 intervencións en equipamentos deportivos da cidade, neste momento hai 9 en marcha", puxo de relevo o edil, quen manifestou "as problemáticas que foi necesario afrontar debido á falla de contratos de mantemento en moitas das infraestruturas deportivas da cidade, situación que este goberno local está a reverter".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible