Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de outubro de 2016

O Pleno aproba por unanimidade unha moción en defensa do cadro de persoal de Extel

A Cámara tamén acordou solicitar ao Goberno central que proceda a dotar ao cadro de persoal do corpo da Policía Nacional da cidade dos medios necesarios para cumprir coas súas funcións e repoñer os horarios de servizos como a Unidade de Atención á Familia e á Muller

O Pleno do Concello da Coruña deu o visto e prace á moción presentada polo grupo de Goberno para apoiar de forma pública a tramitación, no Congreso dos Deputados, da derrogación e posterior modificación da Lei 27/2013 do 27 de decembro de Racionalización e Sustentabilidade da Administración, coñecida como Lei Montoro. O texto recorda que esta normativa "introduciu cambios substanciais no funcionamento dos concelllos, deputacións e comunidades autónomas, amputando garantías democráticas, de representación e de participación cidadá e recortando servizos sociais que se prestaban á cidadanía dende as administracións locais". "É necesario priorizar o criterio de Administración máis próxima á cidadanía, como garantía de universalidade, mellor cobertura territorial, calidade e control democrático na prestación de servizos públicos, así como remover as tutelas autonómicas innecesarias introducidas por este normativa", indicou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. A moción, que contou cos apoios dos grupos municipais de PSOE (quen introduciu unha emenda de sustitución que foi aceptada de forma íntegra) e BNG, ademais dos de o grupo de Goberno, e a única oposición do PP, insta, ademais, ao novo Goberno da Xunta "a reformular unha nova Lei de Facendas Locais e Galicia que garanta a autonomía e a suficiencia financeira dos concellos". "Baixo a escusa da sostenibilidade orzamentaria, as facendas locais quedaron nunha situación moi complicada, e tiveron que pagar os excesos e os pratos rotos doutros. A administracións locais representan unha mínima parte da débeda total do Estado. O Goberno central non pode ser quen decida o que deben gastar os concellos e como o deben gastar. Esta normativa o que fai, ao final, é mercantilizar a prestación de servizos dos concellos", opinou o rexedor. "O gran mérito desta lei foi a de xerar un consenso común na súa contra, sumando o rexeitamento de máis de 3.000 entidades locais en todo o Estado", recordou.

Por outro lado, tamén saiu adiante, a moción do grupo de Goberno que insta a solicitar ao Ministerio do Interior, a través da Delegación do Goberno en Galicia, que proceda a dotar ao cadro de persoal do Corpo de Policía Nacional da cidade das e dos efectivos necesarios para cumprir coas súas funcións ordinarias "sen mermas de calidade que deriven nunha insuficiencia na prestación dos servizos e, polo tanto, dos dereitos dos nosos veciños e veciñas". Concretamente, a moción, defendida pola concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, circunscríbese a que se amplíe o horario de atención ao público da Unidade de Familia e Muller (UFAM) do CNP "para permitir ás mulleres que sofren violencia de xénero e intrafamiliar ter acceso a este recurso especializado". A responsable municipal recordou que, tras os recortes, a Brigada Operativa de Atención á Familia e á Muller só ten un horario de atención de mañá desde o pasado 4 de outubro. A moción tamén solicita que se retome o horario nocturno e durante as fins de semana da oficina de denuncias (ODAC) situada nos Xardíns de Méndez Núñez "co obxecto de facilitar á cidadanía a denuncias dos delitos dos que poidan ser obxecto".

Fraga recordou que as competencias en materia de seguridade cidadá corresponden ao Ministerio de Interior, "tendo a Policía Local unha labor de colaboración ou auxiliar, pero sen estar chamada a substituír as funcións do Corpo Nacional de Policía, nin a suplir as eivas que as decisións organizativas no interior deste corpo podan causar". Neste senso, a moción tamén insta ao Pleno a "felicitar ao Corpo de Policía Local da Coruña e aos e ás súas axentes pola labor cotiá que desenvolven, máis alá do cumprimento das súas funcións estritas, ao supliren a infradotación da CNP na nosa cidade". As felicitacións tamén se estenden aos e ás funcionarias das restantes forzas e corpos de seguridade do Estado, "que levan a cabo as súas funcións, a pesar dos numerosos recortes producidos no seu ámbito".

 

Apoio ao cadro de persoal de Extel

Entre as mocións que foron aprobadas por unanimidade esta tarde polo Pleno destaca tamén a de carácter conxunto de apoio ao cadro de persoal de Extel, call center que vén de activar en todo o Estado un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que na nosa cidade afecta a máis de 200 familias. A moción, que parte das reivindicaciósn dos e das traballadoras, acorda que o conxunto da Corporación se compromete a pedir publicamente tanto a Extel como ao seu principal cliente, Movistar, que aclaren onde se vai a prestar o servizo de atención ao cliente "xa que as chamadas non desaparecerán dun día para outro". O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, indicou ademais que mediante esta moción, a Corporación solicita publicamente "a derrogación das últimas reformas laborais que permiten que unha empresa poida iniciar un expediente de regulación de emprego sen contar coa autorización da autoridade laboral competente, permitindo así que dunha maneira unilateral e sen unha firme acreditación, os e as traballadoras poidan perder os seus postos de traballo".

Tamén saiu adiante cos votos a favor do grupo de Goberno, PSOE e BNG, e a abstención do PP, a moción do grupo nacionalista de apoio "á querela arxentina contra os crímes do franquismo, así como ao traballos desenvolvido neste senso na comarca pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica". Tamén saíu adiante outra moción do BNG --que contou co seu voto favorable e o do PSOE e a abstención do grupo de Goberno e o PP-- para a creación dun código ético e ordenanza de transparencia. A este respecto, a concelleira de Participación, Claudia Delso, indicou que "os avances en cuestión de transparencia neste Concello son constantes, como dá mostra o feito de que todas as formacións poden acudir á Xunta de Goberno local, cousa que antes nunca acaeceu". Ademais indicou que a ordenanza de transparencia se porá en marcha, "e será traballada con diálogo con todos os grupos", e apuntou que "moitas das medidas incluídas na moción do BNG xa se están a ser ultimadas polo propio Executivo". Por outro lado, o grupo popular e o socialista presentaron senllas mocións relacionadas coa creación dunha comisión en relación ao EIDUS. O grupo de Goberno presentou en ambas casos emendas que foron rexeitadas. As citadas emendas avogaban por constituír unha comisión informativa especial, de conformidade co previsto no art.77 do ROM (Regulamento Orgánico Municipal), sobre o proxecto EDUSI que o Concello da Coruña presentará, en segunda convocatoria, para a selección de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado. "Dita comisión tería por obxecto o estado e ditame do proxecto EDUSI, a presentar e aprobar polo Goberno municipal, e debería constituírse unha vez que por parte dos servizos municipais se poida presentar unha proposta de reformulación do proxecto, en calquera caso, no prazo máximo dun mes", indicaba a proposta do Executivo. Por parte das mocións presentadas polo grupo municipal socialista tamén saíu aprobada unha moción de apoio á consolidación do proceso de paz en Colombia cos votos a favor de todos os grupos.

Por parte do PP saíu adiante unha moción, co apoio de PP, PSOE e BNG, e a abstención do grupo de Goberno, para o pago inmediato do convenio municipal establecido co Circo de Artesáns. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, explicou que o convenio, de carácter nominativo, será aboado este mes de outubro, ao igual que foi aboado o ano pasado. "Cando chegamos ao Goberno local, en xuño do ano pasado, o grupo popular non tiña tramitado este convenio nominativo. O abonamos en outubro, igual que imos facer este ano", indicou a concelleira, quen pediu aos grupos da oposición que recorden "os tempos de tramitación". De feito, e segundo explicou a edil, o convenio non puido facerse antes efectivo debido a que a solicitude do mesmo por parte do Circo de Artesanos se realizou o 9 de xuño. Ademais, a documentación presentada pola entidade non era suficiente, o que ralentizou considerablemente o inicio da tramitación do mesmo. Non obstante, Cameán indicou que "se axudou a axilizar a tramitación á entidade, xa que para nós tanto este como o resto dos convenios, especialmente coas entidades sociais da cidade, teñen máxima prioridade".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión