O Pleno municipal do Concello da Coruña celebrado este luns deu luz verde a unha iniciativa do grupo de Goberno que pasa por presentar unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2016, á fin de acadar “maiores investimentos” en asuntos estratéxicos para a cidadanía, como é o caso do saneamento da Ría do Burgo, o CHUAC, o aeroporto de Alvedro ou a estación Intermodal, entre outros, que segundo explicou o alcalde, Xulio Ferreiro, “son tratados de forma deficitaria nas previsións da administración autonómica”. A proposta contou co apoio dos grupos muncipais do PSOE e o BNG e coa negativa do PP.
“Do que se trata é de que a Xunta de Galicia manteña os seus compromisos. Non vexo que pasase nada no último ano que xustifique un cambio de criterio pola súa banda, así o que se lle pedimos é que volva aos niveis de investimento doutros anos na cidade, que foron maiores. Non estamos ante unha reclamación electoralista nin moito menos, simplemente pedimos que se trate á cidade,e aos seus veciños e veciñas, polo menos igual que nos exercicios anteriores”, dixo o alcalde. “No caso do Santa Lucía, por exemplo, o único que pedimos é que se estamos en condicións de comezar as obras en 2016 para un centro de saúde, se inicien nese exercicio. No asunto de Alvedro, non podemos aceptar a postura do presidente da Xunta, que nos seus orzamentos di que o aeroporto da Coruña ten que estar subordinado ao de Compostela. O mesmo pasa con respecto a Ría da Burgo. Temos sintonía total cos alcaldes da comarca con este tema, pero non entendemos porque a administración autonómica non está a facer os deberes, para garantir o seu saneamento integral”, enumerou.“O investimento para o CHUAC foi de 20 millóns de euros en 2013 e foi baixando progresivamente atá os 2,9 millóns para o ano que vén”, recordou. “Aquí do se trata é de ver se un traballa para a cidadanía ou para o seu partido”, dixo o primeiro edil coruñés.
O acordo para emendar os orzamentos autonómicos será executado polo alcalde e as propostas que recolle o documento presentado ante o Pleno serán trasladadas a todos os grupos do Parlamento de Galicia para que, “dentro da súa autonomía, as incorporen como estimen pertinente nas súas emendas”. Igualmente, tal e como se expresa no acordo acadado hoxe, os portavoces municipais “poden e deben trasladar as emendas aos seus grupos parlamentarios homólogos”.
Emendas
O grupo de Goberno entende que os Orzamentos da Xunta de Galicia “non garanten os investimentos necesarios para A Coruña en asuntos de especial trascendencia como son, entre outros, as dotacións sanitarias --tanto para a continuidade do Plan Director do CHUAC como para a construción do centro de saúde de Santa Lucía--, a mobilidade, no proxecto da estación Intermodal e nun sistema aeroportuario “coordinado, integrado e equilibrado” que aúne as tres terminais galegas. O mesmo ocorre con outras actuacións como o saneamento da Ría do Burgo, as partidas destinadas á promoción de vivenda pública, “onde se fai necesaria unha maior aportación e concreción orzamentaria e a súa distribución municipal en relación coa transferencia de capital aos concellos dos plans asociados aos distintos programas de vivenda”, ou a potenciación do Consorcio de Promoción da Música –e nomeadamente a da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)– ou das actividades do Instituto Feiral que, como se fai notar na proposta, adoece dun plan de acción xenérico e falto de concreción e sen a correspondente dotación orzamentaria para acadar os seus obxectivos, como son “a dinamización da economía, o crecemento e o emprego, así como potenciar a competitividade e fomentar a innovación e a dinamización do comercio galego”.
En relación co Plan Director do CHUAC, o Goberno local considera que a dotación orzamentaria de investimento, de 2,97 millóns de euros para o próximo ano e sen dotación plurianual máis aló, “deixa na incerteza a continuidade dos investimentos necesarios para a terceira fase das obras”, que contempla dous novos bloques e un aparcadoiro nas Xubias.
Con respecto ao proxecto para transformar a estación ferroviaria de San Cristóbal nunha estación intermodal que conxunte o AVE e o servizo de cercanías co transporte urbano, metropolitano e de longa distancia por autobús, o acordo aprobado salienta que a previsión orzamentaria, “tanto na súa contía global como na súa desagregación plurianual, limita e reduce o obxectivo estratéxico e vital da súa execución, máis cedo que tarde”. Tamén no eido da mobilidade, o documento alerta da aposta da Xunta “por un sistema aeroportuario asimétrico e desigual, onde Alvedro queda destinado a unha función de conexión interna estatal”.
O Executivo coruñés tamén solicita que nos presupostos da Xunta para este ano a Administración autonómica contemple partidas específicas para o saneamento integral da Ría do Burgo, cousa que na actualidade non aparece reflectido. Igualmente, o Goberno da Coruña considera “notoriamente insuficiente” a previsión orzamentaria da Xunta de 2,1 millóns de euros para o Consorcio para a Promoción da Música, tendo en conta os obxectivos de potenciación deste órgano e, especialmente, da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), ademais do feito de que a aportación do Goberno municipal é de 3,1 millóns.
A proposta de acordo tamén fai fincapé nas previsións orzamentarias que a Xunta ten destinadas ao Instituto Feiral da Coruña nos seguintes anos (a subvención/transferencia corrente da Consellería de Economía e Emprego é de só 15.000 euros). “O incremento das transferencias podería e debería posibilitar a execución das accións necesarias para a súa dinamización”, sostén o Goberno local.