4 de novembro de 2015
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, asegura que os datos "veñen a referendar a postura do grupo de Goberno de que Alfonso Molina, lonxe de estar colapsada, baixa en intensidade de vehículos" e respaldan a proposta do grupo de Goberno
Os datos de tráfico da avenida da Vedra en canto a entrada e saída da Coruña mostran un descenso medio dun 10% no número de vehículos que empregan esta vía desde a entrada en funcionamento da Terceira Ronda. As cifras oficiais da DGT revelan que entre xuño e outubro deste ano, coincidindo co período que leva o novo Goberno en María Pita, o volume de tráfico na Avenida da Vedra, rebaixouse case un 10% (un 9,9% en tráfico de entrada á cidade e un 8,7% en saída). En concreto, de media, entre xuño e outubro, pola Avenida da Vedra circularon, en dirección entrada, 5.215 vehículos menos de media ao día que durante o mesmo período do ano pasado, un 9,6% menos. En dirección saída, a media diaria rebaixouse un 8,7% rexistrándose, de media neses cinco meses, 5.121 usuarios diarios menos.
En concreto, entre os meses de xuño e outubro de 2014 pasaron en dirección entrada a cidade, de media, por ese vial un total de 54.330 vehículos diarios, fronte aos 48.928 do mesmo período de 2015. En dirección saída, a media diaria de usuarios o ano pasado era de 58.993, mentres que este ano, entre os meses de xuño e outubro foi de 53.271 ao día.
Para o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, estes números “non veñen máis que a referendar a postura do Goberno local e mostrar que A Vedra, lonxe de estar colapsada, está baixando en intensidade de vehículos dende a apertura da Terceira Ronda”. O concelleiro pon o acento nos datos relativos ao mes de outubro, “un dos que ten máis intensidade media” e o que, como observa, representan a baixada máis notoria. Neste sentido, o responsable municipal destaca tamén que a proposta do Goberno coruñés para a humanización de Alfonso Molina serve para “suturar a fenda” que supón a vía para barrios como Matogrande, Someso, Birloque, Elviña Castro ou o Ofimático, e tamén para o campus de Elviña, e subliña que é tamén “moito máis racional coa inversión, xa que ten un menor custo de execución, e mellora as condicións de seguridade do tránsito”, cunha nova sinalización. “Hai que romper coa idea de que A Vedra está colapsada e os datos van nesa dirección”, incide, para observar que o necesario non é ampliar a avenida senón “integrala” como unha máis da cidade.Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible