26 de agosto de 2016
O Goberno local autoriza o gasto para a contratación do mantemento dos túneles da cidade, un prego que inclúe entre as súas novidades a obriga da concesionaria de dar resposta inmediata a calquera avaría ou deficiencia que se produza nestas infraestruturas
A Xunta de Goberno local celebrada esta mañá deu o visto e prace a unha serie de contratos de carácter bienal en materia de rexeneración urbana, mobilidade, xustiza social e culturas por máis de 14,1 millóns de euros, actuacións, todas elas, marcadas polo obxectivo de construír unha cidade "máis xusta e accesible para todos e todas", tal e como indicou a concelleira de Facenda e Administración Pública, Eugenia Vieito, ao remate da sesión. Así, entre as diversas iniciativas que foron aprobadas polos membros do Goberno municipal destacan os 6,4 millóns de euros que aplicarán nun período de dous anos (3,2 millóns en cada exercicio) no servizo de mantemento, conservación e reparación de beirarrúas e áreas peonís da cidade a través de dous contratos. Trátase, segundo comenta o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, dun gasto fundamental, "xa que é absolutamente prioritario poñer ao día o espazo público, para que este poida estar adaptado ao uso de todas as persoas, atendendo a criterios de accesibilidade e deseño universal e respondendo ás demandas dos barrios e da veciñanza". A cifra do investimento supón un forte incremento do gasto nestes traballos, que ata esta data ascendía a 2,4 millóns por exercicio, cantidade que agora se incrementa nun 33%.
Tamén destacan entre as iniciativas parabenizadas pola Xunta de Goberno Local a posta en marcha do concurso para adxudicar a organización e realización das Bolsas USA, programa que posibilitará que, como mínimo, 50 alumnos e alumnas da Coruña realicen durante os cursos 2017-2018 e 2018-2019 os estudos correspondentes ao primeiro grao de Bacharelaro en Estados Unidos. O obxectivo desta acción, que impulsa a Concellería de Xustiza Social e Coidados, da que é concelleira Silvia Cameán, é "ofrecer a oportunidade aos e ás alumnas de 4º de ESO residentes no concello da Coruña de cursar o Grao 11 en EEUU para acadar un dominio avanzado da lingua inglesa e un coñecemento real doutra cultura". O gasto aprobado será de 650.000 euros por curso, unha inversión histórica neste programa.
A Xunta do Goberno municipal tamén deu luz verde á tramitación anticipada do expediente para a contratación dun novo servizo de axuda a domicilio (SAD IV), composto por 60.000 horas de atención. Este programa terá carácter bianual, e cada exercicio contará cun orzamento máximo dun millón de euros. "Con esta actuación, de dous millóns de euros, ofertamos ás persoas residentes no Concello que presentan unha situación de dependencia un 23% máis de horas de atención a domicilio", destaca a concelleira Cameán.
Por outro lado, tamén sairá a concurso, despois da autorización da Xunta de Goberno o contrato so servizo de atención ao público dos Museos Científicos da Coruña por valor de 732.000 euros en dúas anualidades, prorrogables a outras dúas. No aque atinxe á área municipal de Culturas, tamén se lle deu luz verde esta mañá á contratación dos traballos da úlltima fase do proxecto de excavación do Castro de Elviña, por importe de execución de preto de 824.777 euros, así como ao gasto autorizado para a contratación do servizo de limpeza para a rede de bibliotecas municipais, que súma máis de 440.000 euros (contrato bianual).
En materia de Mobilidade Sostible, tamén vén de autorizarse un gasto que sobrepasa por 1,6 millóns de euros (máis de 837.000 euros cada ano), e que ten como destino a contratación do servizo de mantemento e conservación dos túneles da cidade. O contrato abrangue a totalidade de túneles da cidade e inclúe como novidade a obriga da empresa que resulte concesionaria de dar resposta inmediata a calquera avaría ou deficiencia que se detecte nas infraestruturas, o que inclúe xornadas festivas e horario nocturno, "comprometéndose a desprazar o persoal preciso e cualificado para efectuar a reparación en prazos de tempo mínimos".
Préstamo
Por outro lado, a Xunta de Goberno local aprobou este venres a licitación dun crédito bancario de 9,3 millóns de euros co que o Concello financiará diferentes proxectos, un trámite habitual nesta época do ano e que está xa incluído do Orzamento Municipal. Os pregos deste préstamo serán publicados, coa habitual transparencia que caracteriza a este Goberno local, no perfil do contratante", segundo indica a responsable municipal de Facenda e Administración. "Invitaremos a todas as entidades presentes no rexistro do Banco de España a participar neste proceso, por suposto, tamén ás entidades de banca ética", comenta a edil, que recorda que "este foi o primeiro Goberno municipal da Coruña que convidou a a esta clase de entidades a participar neste tipo de operacións que, non obstante, foron levadas a cabo de forma habitual e cada ano polos anteriores executivos".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible