16 de xuño de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe o edificio xunto coa concelleira Nereida Canosa e entidades sociais da cidade para presentar unha proposta orientada á autonomía persoal, á vida independente e á inclusión comunitaria
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe o edificio municipal de Marqués de Pontejos, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e por representantes de entidades sociais da cidade, para presentar a proposta de destino social das vivendas e baixos municipais deste inmoble. A actuación forma parte da estratexia municipal para aproveitar mellor o patrimonio público e poñelo ao servizo de proxectos sociais con impacto directo na vida da cidadanía.
Rey explicou que esta iniciativa se enmarca na política municipal de vivenda que está a desenvolver o Concello, xunto con outras actuacións como as 50 novas vivendas municipais de alugueiro social de Xuxán, cun investimento superior aos 10 millóns de euros dentro da folla de ruta do Plan municipal de vivenda 2024-2030.
"A política de vivenda non se constrúe cunha soa medida. Constrúese creando máis vivenda pública, mobilizando solo municipal, impulsando vivenda protexida, acompañando as persoas arrendatarias e tamén aproveitando mellor o patrimonio municipal que xa temos", sinalou a alcaldesa. No caso de Marqués de Pontejos, o Concello traballa nunha proposta de uso social das vivendas municipais orientada a proxectos de autonomía persoal, transición á vida independente, inclusión comunitaria e acompañamento especializado. A iniciativa está pensada especialmente para persoas con discapacidade, diversidade funcional, trastorno do espectro autista, discapacidade intelectual, neurodiverxencias ou outras necesidades específicas de apoio.
Durante a visita participaron entidades sociais de referencia neste ámbito, como ASPERGA, ASPANAES, ADCOR e ASPRONAGA. A alcaldesa agradeceulles a súa presenza e o traballo que desenvolven na cidade, e destacou que "a súa experiencia é fundamental para que estes proxectos non sexan só unha cesión de espazos, senón unha verdadeira oportunidade de autonomía, acompañamento e inclusión". A proposta parte da necesidade de lles ofrecer respostas específicas a persoas que, ademais das dificultades xerais de acceso á vivenda, precisan contornas axeitadas, apoio profesional e procesos progresivos para avanzar cara a unha vida máis autónoma. O Concello considera que estes inmobles poden cumprir unha función social especialmente valiosa se se destinan a proxectos de vida independente en colaboración con entidades especializadas.
O proceso está actualmente en marcha. EMVSA traballa, en coordinación coa Concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade, na ordenación da situación patrimonial dos inmobles e na concreción dos expedientes que permitan poñer este patrimonio municipal ao servizo de proxectos sociais. A titularidade das vivendas seguirá sendo municipal, o destino será finalista e os proxectos deberán contar con seguimento e avaliación. A proposta prevé tamén garantías como a definición previa do proxecto técnico, a identificación das persoas destinatarias, o acompañamento profesional, a duración determinada da cesión e a reversión da vivenda ao Concello en caso de incumprimento ou finalización da finalidade social.
A actuación tamén abrangue os baixos municipais do edificio. Neste caso, estanse rematando unhas bases específicas para abrir un procedemento de concorrencia pública orientado a proxectos de emprego inclusivo, centros especiais de emprego de iniciativa social, empresas de inserción e entidades da economía social. O obxectivo é que estes baixos, situados nunha zona de valor urbano e comercial, poidan acoller iniciativas vinculadas á inclusión sociolaboral, ao emprego protexido e á xeración de oportunidades para colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado ordinario de traballo.
"Marqués de Pontejos permítenos avanzar nunha resposta social ampla e complementaria: vivenda, autonomía persoal, inclusión comunitaria e tamén emprego social", afirmou Inés Rey. "Unha cidade máis xusta constrúese con vivendas, con apoios e con oportunidades reais", concluíu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible