17 de xuño de 2026
A actuación na área de xogos, que incorporará novos equipamentos, súmase á próxima renovación da rede de iluminación da praza
O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de barrios 2025-27, que nos vindeiros meses sumará unha nova actuación de mellora no Ensanche, onde se acometerá a ampliación do parque infantil da praza de Pontevedra.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da saída a concurso das obras, que suporán un investimento de 432.000 euros. O obxectivo principal é que a superficie actual de xogos gañe capacidade e sume novos equipamentos, "unha medida que entendemos necesaria, dada a afluencia diaria de nenas e nenos que fan uso do parque", tanto en horario de mañá -polo alumnado do CEIP Eusebio da Guarda- como pola tarde.
O parque infantil conta, a día de hoxe, con capacidade para 94 persoas usuarias. Tras a ampliación da instalación, duplicarase ata máis de 200. O abano de actuacións inclúe a renovación da superficie amortecida, e tamén a incorporación de novos xogos de carácter inclusivo, que fomenten o desenvolvemento sensorial e a integración das crianzas con mobilidade reducida.
Ademais dos traballos sobre a área infantil, o Concello aproveitará tamén para executar melloras na rede de rega, os espazos axardinados e o mobiliario urbano da contorna.
As melloras previstas na área de xogos súmanse á renovación da iluminación que se executará no conxunto da praza para que a rede gañe en eficiencia e aforro enerxético. A dita intervención saíu a concurso a inicios deste mes de xuño e suporá un investimento engadido de 450.000 euros.
Un novo pulo ao Plan de parques infantís
Nas últimas semanas, o Executivo local vén avanzando nas accións correspondentes ao Plan de parques infantís 2025-2030, unha medida promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de que, a medio prazo, todas as familias da cidade teñan, como mínimo, un parque infantil a dez minutos da súa vivenda.
Tras a recente renovación do parque infantil da Palloza, o Concello segue dando pasos firmes para executar a renovación da área de xogos da gardaría do Ventorrillo, a primeira da cidade que contará coa súa superficie cuberta.
Ademais, xa se están a ultimar os trámites para iniciar as obras de ampliación e remodelación do parque infantil da praza de Portugal.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible