15 de maio de 2017
Dende as 07:00 horas do 11 de maio até as 07:00 horas do 15 de maio
DETIDO POR ROUBO CON VIOLENCIA
Ás 16:00 horas do 11 de maio, a central operativa do 092 requiriu a unha patrulla da Policía Local para que se trasladase a un establecemento dunha coñecida cadea de supermercados no barrio da Peixería. Xa no lugar, a dotación identificou ao home ao que os vixiantes de seguridade do establecemento tiñan retido como o autor dos feitos, cos que forcexara tras romper os dispositivos de alarma de 8 botellas de bebidas alcohólicas. Ante estes feitos, a patrulla detivo a este home, un veciño da Coruña de 39 anos, como presunto autor dun roubo con violencia, informándolle no acto dos motivos da súa detención e dos dereitos que lle asisten segundo a lexislación vixente.
LOCALIZACIÓN DE MENOR DESAPARECIDO
Ás 17:00 horas do 11 de maio, a Central Operativa do 092 comunicou o extravío dun menor de 12 anos na confluencia das rúas Juan Flórez con Nicaragua, polo que unha patrulla dirixiuse ao lugar para entrevistarse coa nai, e as demáis dotacións da zona iniciaron a procura do neno polas rúas e parques da contorna. Ás 18:45 horas, unha das patrullas localizou ao menor nun parque da zona que quedou ao cargo dos pais.
AUXILIO Á CIDADANÍA
- Ás 11:45 horas do 11 de maio, unha patrulla da Policía Local requiriu a presenza dunha ambulancia do 061 na Ronda de Outeiro, onde unha muller estaba tirada na beirarrúa e non podía sosterse en pé. A moza, de 29 anos, atopábase baixo a influencia de bebidas alcohólicas e, posiblemente, dalgunha sustancia estupefaciente, polo que tras unha primeira valoración, o equipo sanitario do 061 decidiu o seu traslado ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña.
- Ás 14:45 horas do 11 de maio, unha patrulla trasladouse a unha vivenda sita nunha rúa do barrio do Agra do Orzán para colaborar cunha dotación de Bombeiros na extinción un incendio. Unha vez sufocado o incendio, que se producira por unha tixola esquecida ao lume, a dotación do 061 atendeu ás dúas veciñas que ocupaban a vivenda que estaban afectadas por inhalación de fume. Dándolle o alta a unha no lugar, e trasladando á outra ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña para unha mellor atención.
- Ás 18:35 horas do 11 de maio, unha dotación observou que no tellado dun inmoble do barrio dos Mallos, había unha antena parabólica solta con perigo de caer á vía pública solicitou a colaboración dunha dotación de bombeiros. Quen despois de comprobar que a antena estaba suxeita soamente polo cable de conexión e que o perigo de caída á vía pública era real, procederon á súa retirada. A patrulla da Policía Local informou o presidente da comunidade do sucedido e de como debía actuar ante esta situación.
- Na noite do 11 de maio, unha dotación do 061 solicitou a presenza dunha patrulla da Policía Local, xa que estaban a atender a unha persoa con problemas psiquiátricos en estado de embriaguez que se negaba a que a trasladasen ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña. A dotación colaborou co equipo sanitario, que optou por subministrarlle a esta persoa un calmante e por suxeitarlle ambas as mans cunhas vendas para poder facer o traslado do enfermo dun xeito seguro. Un dos policías viaxou no interior da ambulancia para garantir a seguridade do mesmo.
- Ás 01:05 do 12 de maio, unha patrulla da Policía Local trasladouse a unha das rúas do barrio do Ventorrillo onde estaba a arder un colector de papel. Xa no lugar, a dotación detectou chamas no interior do colector, que estaba moi próximo a un vehículo estacionado, polo que tentou sufocar as chamas cun extintor de dotación do vehículo policial. Posteriormente, o equipo de Bombeiros procedeu á extinción total do lume, sen que o colector de papel nin o vehículo sufrisen danos.
CONTROL DE ESTABLECEMENTOS DE LECER
Ás 03:30 horas do 12 de maio, unha patrulla realizou un control das terrazas dos establecementos públicos da zona do porto, ao obxecto de comprobar que cumprían a normativa vixente.
CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA
- Ás 03:30 horas 12 de maio, unha dotación deu o alto a un turismo á altura do número 23 da avenida da Mariña, cuxo condutor presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas. Este condutor, un home de 30 anos e veciño da Coruña, arroxou un resultado positivo (0,37 e 0,34 mg/l), polo que se lle tramitou denuncia administrativa que lle poderá supoñer unha sanción de 500 euros e a retirada de 4 puntos do seu permiso de conducir. O vehículo que conducía, da marca e modelo Audi A4, foi inmobilizado preventivamente e retirado por un guindastre ata o Depósito municipal.
- Á altura do número 9 da rúa Socorro produciuse un accidente de circulación sen feridos da clase "contra obstáculo fixo", cando un Audi A1, que circulaba en dirección Zalaeta, bateu contra un Peugeot 207 que estaba estacionado. O condutor do Audi, un mozo de 23 anos e veciño da Coruña, presentaba signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que foi sometido ás probas e arroxou un resultado positivo (0,75 e 0,77 mg/l.). A patrulla tramitou denuncia ao Xulgado de Garda por un delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo e dar positivo na proba de alcoholemia (alcoholemia penal). Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.
RESTABLECEMENTO DA SEGURIDADE NA VÍA PÚBLICA
Ás 12:30 horas do 14 de maio, unha patrulla da Policía Local detectou uns anacos de cornixa na vía pública que caeran dun inmoble do barrio da Sagrada Familia. Ante a imposibilidade de que a propietaria da vivenda xestionase un servizo que asegurase a cornixa do inmoble, a patrulla requiriu os servizos dunha dotación de Bombeiros que retirou as partes da cornixa que se podían desprender, quedando restablecida a seguridade da vía pública.
CONTROL DE ESTABLECEMENTOS PÚBLICOS
Ás 13:23 horas do 14 de maio, unha dotación realizou unha inspección nun dos establecementos públicos do barrio do Orzán e comprobou que estaba a funcionar a pleno rendemento con música en directo, polo que, tras realizar as comprobacións oportunas, ordenou o desaloxo do establecemento.
INFRACCIÓNS QUE AFECTAN O DESCANSO VECIÑAL
Ás 00:30 horas do 15 de maio, a Central Operativa do 092 informou a unha patrulla de que se recibiran varias chamadas telefónicas de veciños e veciñas dun inmoble do barrio da Sagrada Familia queixándose que nun piso tiñan a música a un volume moi elevado. Xa no lugar, a dotación comprobou os feitos e identificou ao responsable da vivenda, que foi proposto para sanción por infracción da Ordenanza de protección contra a contaminación acústica.
VIXILANCIA E CONTROL DO CUMPRIMENTO DE ORDENANZAS EN ZONAS DE LECER
Ás 05:50 horas do 15 de maio, unha patrulla denunciou a un mozo de 28 anos que estaba a ouriñar na vía pública no barrio de Peixería, infrinxindo así a Ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria.

20 de decembro de 2025

16 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible