19 de novembro de 2015
O alcalde participou no Paraninfo na inauguración do Congreso sobre Dereito Ambiental para unha Economía Verde, onde lembrou que o coidado dos recursos naturais "non é unha opción nin unha elección ideolóxica" e no que recordou situacións como a da Ría do Burgo ou Alfonso Molina
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste xoves na inauguración do Congreso sobre Dereito Ambiental para unha Economía Verde, onde defendeu a sostibilidade ambiental como "un dereito" e unha oportunidade de "progreso económico". "O coidado dos recursos naturais non é unha opción, é unha necesidade. Tampouco é unha elección ideolóxica. Trátase dun dereito, e como tal debemos abordalo, poñendo todas as ferramentas xurídicas posibles a funcionar nesta tarefa", apostou, apelando ao coñecemento e o diálogo entre os distintos ámbitos, como o xurídico e o científicos, o institucional e, tamén, "os movementos que levan décadas traballando e estudando este eido". Así mesmo, o rexedor chamou a explorar a "vía económica do que chamamos verde" durante a súa intervención. "Vivimos nun tempo de cambio nas prioridades e tamén nas actividades. Malia a resistencia de moitos, no ambiental hai un camiño de progreso económico moito máis viable a estas alturas que, por exemplo, a especulación inmobiliaria. Profundemos nela", propuxo. "Non se fala do ambiental como motor do terreo lexislativo ou do crecemento económico tanto como se merece", lamentou.
Na apertura do congreso, que tivo lugar no Paraninfo da Universidade, Ferreiro amentou tamén a incidencia dos problemas ambientais na vida da xente. "Os coruñeses e coruñesas teñen interiorizada a existencia dun problema global co medio ambiente, e tamén os que sofren dentro da propia zona de residencia", indicou, para poñer como exemplo a Ría do Burgo, "un caso crónico que este Goberno está a afrontar desde o primeiro día". Na mesma liña, Ferreiro aludiu á mobilidade, e ao proxecto humanización que o Concello propón para a principal avenida de entrada á cidade. "Queremos que un lugar de natureza privilexiada como é A Coruña non se vexa afectado por problemas semellantes aos que vemos nestes días en Madrid e que eu mesmo observei onte. Porque esa política ambiental baseada en asinar acordos en grandes foros, por exemplo de redución de CO2, e logo non cumprir nin unha soa letra do estipulado ten que rematar. Por iso precisamos un dereito ambiental forte e os congresos como o que hoxe inauguramos", considerou.
Durante o acto, o alcalde da Coruña compartiu mesa co reitor da Universidade, Xosé Luís Armesto, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, a directora da EGAP. Sonia Rodríguez Campos, o decano da facultade de Dereito, José Manuel Busto Lago e o catedrático de Dereito Administrativo da UDC Francisco Javier Sanz Larruga.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible