5 de xuño de 2016
O concelleiro de Culturas e Deporte, José Manuel Sande, destaca que “a cidade aproveitou a celebración deste evento deportivo en clave de oportunidade e reivindicación de valores” e salienta a boa percepción dos e das visitantes “da organización e as instalacións”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, indicou que a celebración este ano na Coruña da Copa do Rei de Baloncesto "foi aproveitada pola cidade en clave de oportunidade e reivindicación de valores" e, á vez, se converteu nun xerador económico. A cita, de máximo nivel deportivo, celebrouse entre os días 18 e 21 de febreiro e, segundo un estudo baseado en enquisas que realizou a ACB --entidade organizadora xunto co Concello da Coruña-- creou "importantes fluxos de mobilidade, ao ser a media de gasto de cada visitante na Copa 934 euros, 399 no caso dos residentes na provincia". De feito, o estudo realizado pola Asociación de Clubs de Baloncesto cifra en 17,13 millóns de euros o impacto económico total do evento deportivo sobre a provincia da Coruña, xerando de forma directa a Copa do Rei uns ingresos (entre organización, asistentes, persoal dos medios acreditados e gastos de provedores e patrocinadores) de case 8,2 millóns de euros. Ademais, e segundo o citado estudo, os as coruñesas outorgan á Copa do Rei de Baloncesto un valor continxente (estimación da valoración económica e social dun ben que non ten mercado) de 3,88 millóns de euros.
As conclusións do informe, remitido pola ACB ao Concello, destacan que "os beneficios aportados pola celebración da Copa do Rei á Coruña e en consecuencia a Galicia, tanto na orde económica, como social e mediática, foron importantes e son recoñecidos ampliamente pola cidadanía, según se desprende dos datos e opinións recollidos nas enquisas". "De maneira específica existe un recoñecemento xeral sobre o impacto do evento na promoción e imaxe da Coruña, e nos beneficios que obtiveron en primeiro lugar os sectores da restauración, o transporte e a hostalería, e en segundo lugar o comercio minorista co gallo da competición deportiva", indica o estudo, que tamén destaca a organización do evento, que tivo lugar no Coliseum da Coruña, que foi especialmente acondicionado para a ocasión. "Existe unha percepción moi positiva en canto á valoración xeral do evento por parte dos e das asistentes, que outorgan á organización, accesos e instalacións, datos moi por encima dos presentados en edicións anteriores", comenta o informe.
"O evento é considerado por parte dos e das residentes na provincia como economicamente rendible, considerando que o beneficio tanto tanxible como intanxible para a cidade supera as molestias que poderían xerarse debido á celebración dunha competición destas características na cidade", explicita o documento, que tamén fai fincapé na repercusión mediática do evento, e "por asociación, a repercusión na imaxe da cidade organizadora". Así, cifra en máis de 20 millóns de euros o valor mediático do evento a nivel mundial, "sendo o valor mediático para a marca A Coruña de 2,5 millóns de euros".
Dimensión Económica
O concelleiro Sande subliña que a competición que acolle a cidade, "non só serviu para xerar unha importante publicidade da imaxe da Coruña", senón que tamén tivo unha repercusión económica. Os cálculos da ACB indican que, sumadas distintas partidas de gasto (tales como abonos, aloxamento, ou transporte) a media de gasto dos visitantes da provincia foi de 399 euros, mentres que --tendo en conta os equipos participantes e a súa clasificación--, os e as visitantes de Madrid gastaron unha media de 780 euros, 920 as persoas vistantes de Árava, 994 as de Las Palmas, 1.022 as de Barcelona, 1.160 as de Valencia e 1.504 euros as de Bilbao, sendo o promedio de gasto dos e das turistas do resto do Estado de 841 euros.
Aloxamento
Segundo as enquisas, un 61% dos e das visitantes se aloxaron en hoteis, pensións ou albergues dentro da cidade da Coruña, indo un 17,6% a establecementos hoteleiros fóra do municipio, e un 15,1% a casa de amigos e familiares, quedando un 6,2% restante de visitantes que optaron por distintas modalidades de aloxamento.
O medio de transporte empregado para chegar até A Coruña foi o coche particular nun 44,7% dos casos, o avión nun 30,1%, o autobús nun 13,4% e o tren un 9,1%, quedando como opcións residuais o taxi (1,2%,), o vehículo de aluguer (1%) e o autobús privado (0,5%).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible