26 de xuño de 2026
Coa participación de trinta e cinco planetarios, museos e centros de ciencia de España e Portugal, ‘3CLIPSE’ convértese nun proxecto de referencia na divulgación científica de alcance internacional
O documental poderá verse no Planetario desde o sábado 27 de xuño nas súas sesións das 13.00 e as 18.00 horas
Este venres a Casa das Ciencias, de forma simultánea a outros trinta e cinco planetarios, museos e centros de ciencia de España e Portugal, estrea '3CLIPSE', unha produción a toda cúpula creada para achegar ao público un dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios das próximas décadas: as tres eclipses solares que serán visibles desde a península ibérica en 2026, 2027 e 2028. En concreto A Coruña será un lugar privilexiado para ver o primeiro deles, unha eclipse total de Sol que terá lugar cara ao final da tarde do 12 de agosto deste ano. O segundo das eclipses, en 2027, tamén será total e o terceiro, en 2028, anular; unha combinación excepcional que converterá á Península nun dos mellores lugares do mundo para a observación astronómica durante eses anos.
"Desde o Goberno de Inés Rey impulsamos unha completa programación didáctica e divulgativa vinculada á eclipse do 12 de agosto, con iniciativas que parten do nosos Museos Científicas e que permitirán á cidadanía saber máis deste fenómeno", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo esta mañá durante a presentación da programación. A carteleira do Planetario incorpora '3CLIPSE' desde o sábado 27 de xuño nas súas sesións das 13.00 e as 18.00 horas. A partir do 1 de xullo proxectarase ás 13 e ás 19 horas.
'3CLIPSE' é un proxecto coordinado polo Museo Elder de la Ciencia y la Tecnología (Las Palmas de Gran Canaria) e coproducido polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O filme, dirixido por Fernando Jáuregui, conta coa participación do estudo de animación coruñés Antaruxa e os técnicos dos Museos Cientificos Bibiana García Visos (produción) e Marcos Pérez Maldonado (guión).
A produción combina divulgación científica, narrativa visual e emoción para ofrecer unha experiencia inmersiva pensada para público a partir de dez anos. A través da historia dunha nena e a súa avoa, o programa acompaña á audiencia nunha viaxe pola relación entre o ser humano e un dos fenómenos máis espectaculares do ceo. «3CLIPSE» invita a descubrir como se producen as eclipses, que significaron para distintas culturas ao longo da historia e por que seguen espertando fascinación en pleno século XXI.
Alén do programa de planetario, a iniciativa pon ao dispor do público na súa web unha exposición descargable, unha guía didáctica, vídeos divulgativos e diversos recursos educativos.

15 de maio de 2026

24 de abril de 2026

25 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible