19 de xullo de 2026
Esta actividade, que se leva a cabo todos os días da semana en doble sesión, forma parte da programación cultural e divulgativa que está a promover o Concello de cara á xornada da eclipse solar
A Casa das Ciencias, no marco da programación de actividades impulsada polo Concello de cara á eclipse do día 12 de agosto, está a ofrecer no planetario sesións inmersivas do documental «3CLIPSE», unha produción creada para achegar ao público un dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios das próximas décadas: as tres eclipses solares que serán visibles desde a Península Ibérica nos anos 2026, 2027 e 2028.
O programa consta de dúas sesións diarias, con case 160 prazas dispoñibles entre ambas as dúas: unha sesion ás 13.00 horas (en castelán) e outra ás 19.00 (en galego) -os días 25 de xullo e 29 de agosto non se ofrecerá a sesión en castelán-. O espectáculo estará dispoñible ata o próximo 31 de agosto.
O filme foi estreado o pasado 26 de xuño de forma simultánea a outros trinta e cinco planetarios, museos e centros de ciencia de España e Portugal. "A nosa cidade vai ser un lugar privilexiado para presenciar esta histórica eclipse. Por iso, desde o Goberno municipal, quixemos aproveitar a ocasión para reforzar as nosas accións educativas e divulgativas para facer deste acontecemento algo inesquecible", apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
«3CLIPSE» é un proxecto coordinado polo Museo Elder de la Ciencia y la Tecnología (Las Palmas de Gran Canaria) e coproducido polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O filme, dirixido por Fernando Jáuregui, conta coa participación do estudo de animación coruñés Antaruxa e os técnicos dos Museos Cientificos Bibiana García Visos (produción) e Marcos Pérez Maldonado (guión).
A produción combina divulgación científica, narrativa visual e emoción para ofrecer unha experiencia inmersiva pensada para público a partir de dez anos. A través da historia dunha nena e a súa avoa, o programa acompaña á audiencia nunha viaxe pola relación entre o ser humano e un dos fenómenos máis espectaculares do ceo. «3CLIPSE» invita a descubrir como se producen as eclipses, que significaron para distintas culturas ao longo da historia e por que seguen espertando fascinación en pleno século XXI.
Alén do programa do planetario, a iniciativa pon ao dispor do público na súa web unha exposición descargable, unha guía didáctica, vídeos divulgativos e diversos recursos educativos.
Preparación para unha xornada histórica
Ante a notable previsión de desprazamentos polo día do Eclipse -que coincide, ademais, coa celebración do Trofeo Teresa Herrera en Riazor-, a alcaldesa, Inés Rey, informou esta semana dos preparativos que está a ultimar o Concello, con máis de 300 efectivos previstos no dispositivo especial de seguridade, reforzo do transporte urbano e a posta en servizo de aparcadoiros disuasorios nos campus universitarios da Zapateira e Elviña, para que as persoas que cheguen á Coruña en vehículo particular poidan estacionar o seu automóbil e, a continuación, usar a liña especial de transporte urbano que percorrerá a cidade.
O día da eclipse manteranse as liñas regulares coas variacións habituais nas liñas 3, 3-A, 7 e 11 polos cortes de tráfico no paseo -como na festa de San Xoán-, mais a estas liñas regulares sumarase unha liña especial que conectará o campus da Zapateira coa praza de Pontevedra, e recollerá as persoas usuarias dos disuasorios de Ciencias, Filoloxía e o campus de Elviña. Esta liña circulará todo o día e, xa ás 18.00 horas, reforzarase con outros dous buses máis, e manterá unha frecuencia de dez minutos. Ademais, reforzarase a liña 3-A para facilitar os desprazamentos aos accesos principais do Portiño e do monte de San Pedro. Ademais, os accesos ao Portiño e o monte de San Pedro serán a pé para evitar aglomeracións.
Para facilitar a localización de puntos da cidade desde o que observar a eclipse, os servizos municipais identificaron múltiples enclaves de proximidade nos barrios. Estes puntos de proximidade están xeolocalizados e expostos á cidadanía a través dun visor interactivo dispoñible na páxina web do Concello.
Tamén che pode interesar

14 de xullo de 2026

3 de xullo de 2026

26 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible