6 de xullo de 2016
A responsable da área de Medio Ambiente presidiu en María Pita o acto de entrega de premios de reciclaxe de vidro que se realizou no marco das festas de San Xoán e destacou que só durante o día 24 se recolleron máis de 3.000 quilos nos areais
A concelleira de Medio Ambiente, María García, participou esta mañá no Pazo de María Pita na entrega de premios da campaña municipal de reciclaxe de vidro que se realizou durante a celebración das festas de San Xoán. A iniciativa, que contou coa colaboración de Ecovidro, promoveu a separación en orixe dos residuos e reciclaxe deste material durante a semana da festividade, con especial fincapé na noite do 23 ao 24 de xuño. García salientou que este ano, "por vez primeira", o Goberno local "puxo a cuestión medioambiental no centro da celebración", co obxectivo de acadar unhas festas máis sostibles "nas que sexa absolutamente compatible gozar dunha festa espectacular e coidar do medio ambiente". Neste sentido, a responsable municipal destacou o papel da veciñanza á hora de colaborar "no coidado do patrimonio común de todos e todas", xa que considerou que "houbo melloras nas zonas verdes da cidade así como na meirande parte das praias". En concreto, a concelleira sinalou que nos areais de "Oza, Matadoiro e San Amaro houbo unha significativa redución de residuos no areal", e Riazor "tamén acadou un aspecto moito máis notorio que en anteriores edicións", á vez que situou a praia do Orzán como "o gran reto" sobre o que traballar "con maior énfase e creatividade" de cara aos próximos anos.
En total, na semana posterior á festa de San Xoán recolléronse 66.100 kg de vidro, dos 3.020 kg atopáronse na contorna dos areais, nos que se situaron 15 contedores específicos deste material dentro do dispositivo de limpeza especial posto en marcha polo executivo coruñés co obxectivo de fomentar a reciclaxe. Neste sentido, a concelleira destacou o labor da campaña informativa e de sensibilización do programa Móllate, "abordado desde o punto de vista da mocidade a través dun proceso no que participou o alumnado dos centros educativos da cidade", e que supuxo, segundo indicou, "o primeiro paso dun camiño para acadar unha celebración máis sustentable". A edil observou que este traballo de concienciación "puxo o debate" sobre o medio ambiente "enriba da mesa". "Aínda queda moito por facer, e o ano que vén incidirase na sensibilización, participación e ampliación das actuacións", avanzou. "O obxectivo cara o que debemos seguir camiñando é que non haxa ningún plástico no mar, ningún vidro na area, continuar cara a unha redución patente de residuos, así como protexer as zonas verdes e naturais de refugallos. De maneira decidida, tanto nas praias coma nos barrios, hai que seguir traballando cara ao coidado das festas e do patrimonio común", indicou, para saudar o labor e a concienciación de persoas como as que hoxe recibiron os premios do San Xoán Sustentable. "Cómpre significar e reforzar conductas exemplares que deberían estenderse a toda a poboación", defendeu. "Separar os residuos en orixe, e en especial o vidro, é unha tarefa fundamental para que poidan ser aproveitados", incidiu.
A titular da área de Medio Ambiente, acompañada polo alcalde de Cerceda, José García Liñares, e o xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández Freire, presidiu o acto de entrega de premios da acción de reciclaxe que se desenvolveu durante a noite de San Xoán nas praias da cidade, e na que todas as persoas que depositaron vidro nos colectores específicos situados nos accesos aos areais recibiron cartóns nos que podían optar a algunha das 3.000 entradas para ao Aquapark de Cerceda que se regalaron, así como 5 abonos do Real Club Deportivo da Coruña, 5 bicicletas ou 10 pequenos iglús para depositar o vidro.
Novas relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible