12 de xaneiro de 2026
MiniDomus é un espazo pensado para aprender facendo, onde cada actividade convida a experimentar, compartir e descubrir o mundo con asombro
Coa finalidade de ofrecer experiencias enriquecedoras e adecuadas para os primeiros anos de nenas e nenos, a Domus, o museo dedicado ao ser humano pertencente ao servizo municipal Museos Científicos, creou unha exposición interactiva de ciencia e tecnoloxía especialmente deseñada para este público, que leva por nome MiniDomus. A alcaldesa, Inés Rey, visitou este luns o espazo acompañada polo director de Cultura, Uxío Novo, e o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez.
MiniDomus contén sete ámbitos que inclúen módulos interactivos baseados no xogo, o fomento da curiosidade e as habilidades propias da infancia. Neles os nenos e nenas de menor idade poderán explorar a presión do aire lanzando pelotas por distintos percorridos e descubrir cal é o máis rápido, xogar coa luz e as cores, creando obras luminosas, construír e experimentar con engrenaxes, poleas e manivelas, probar o equilibrio e a gravidade montando estruturas en superficies con diferentes ángulos, crear máquinas móbiles con rodas, eixos, cordas e circuítos en zigzag, dar forma a ideas con pezas de construción, usando rodas, soportes e parafusos de bolboreta, e deixar voar a imaxinación creando mundos con grandes bloques, desde dinosauros ata naves espaciais.
"Coa apertura deste novo ámbito, amosamos unha vez máis o compromiso do Goberno municipal coa ciencia e a tecnoloxía e a súa divulgación entre a cidadanía, buscando especialmente que os máis pequenos sintan interese por ela", indicou Inés Rey. MiniDomus será ademais o punto de partida para a realización doutras actividades, tales como talleres temáticos ou espectáculos no salón de actos, que poden complementar á exposición, abrindo así un espazo único de participación para un público que non adoita participar en accións de ciencia e tecnoloxía.
A experiencia como ferramenta de aprendizaxe
O espazo MiniDomus nace co obxectivo de ofrecer ao público infantil, acompañado de familias e persoal educador, unha experiencia de achegamento á ciencia e á tecnoloxía que fomente as súas habilidades e sente as bases para mellorar a súa futura educación neste ámbito da cultura. As experiencias de visita a museos interactivos considéranse de alta intensidade, non só no que a adquisición de coñecementos refírese, senón tamén en canto aos aspectos emocionais.
As exposicións son máis eficaces cantos máis variados son os recursos museográficos que se utilizan. Neste caso optouse por potenciar esa diversidade, incorporando tanto módulos interactivos como espazos de experiencias. Nestes espazos, nenas e nenos, xunto ás persoas adultas que os acompañan, poidan realizar actividades durante máis tempo, facilitando asentos e contidos que convidan a permanecer interactuando durante máis tempo. Isto é un cambio que trouxo a pandemia ao mundo dos museos. De feito, está a incorporarse esta tendencia a nivel mundial, tal como observamos nos últimos congresos de museos de ciencia, como ECSITE en Europa e ASTC en Estados Unidos, asociacións da que son membros os Museos Científicos Coruñeses. O fundamento é que as familias manifestan un gran interese por espazos onde o tempo de permanencia sexa ao seu ritmo e onde a experiencia que comparten sexa máis íntima.
MiniDomus está deseñado polo equipo técnico dos Museos Científicos Coruñeses e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
19 de decembro de 2025

15 de novembro de 2025

6 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible