26 de abril de 2022
A artista xermana, que debutou sobre os escenarios aos sete anos de idade, ofrecerá ao público asistente unha das obras máis emblemáticas da música de cámara
Este martes, 26 de abril, o Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas á cidadanía para dar continuidade ao Ciclo de Música de Cámara 2021-22 impulsado pola Sociedade Filarmónica da Coruña.
Nesta ocasión, a protagonista será a violinista xermana Alissa Margulis, un talento precoz que fixo a súa primeira aparición pública, en concerto, aos sete anos, cos Budapest Soloists. Desde entón, Margulis traballou con agrupacións como a English Chamber Orchestra, a New Japan Philharmonic Orchestra, a Orchestre National d'Ile de France, a New Russia Orchestra e a Orchestra Sinfonica di Milano Giuseppe Verdi.
No concerto de hoxe, Margulis sumará forzas con músicos e músicas da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) como Ludwig Dürichen, tamén co violín; Luigi Mazzucato, coa viola; Rouslana Prokopenko, co cello; Todd Williamson, co contrabaixo; Juan Ferrer, co clarinete; Steve Harriswangler, co fagot; e Nicolás Gómez Naval, coa trompa. Todos eles ofrecerán ao público asistente unha das obras máis emblemáticas da música de cámara: o octeto de Schubert.
As entradas para asistir ao espectáculo, que comezará ás 20.00 horas, xa están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), cun prezo de 20 euros para o público xeral. Os pases tamén se poderán adquirir mañá, o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que queden entradas dispoñibles.

22 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

16 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible