30 de decembro de 2016
O Executivo municipal deu luz verde á revisión dos prezos das viaxes do autobús urbano, que se manteñen ‘conxeladas’, igual que durante este último exercicio
A Xunta de Goberno local deu este venres luz verde ás tarifas do Transporte Urbano Colectivo de Viaxeiros para o ano 2017, sen que se rexistrase incremento algún no prezo que pagarán as e os usuarios con respecto a este exercicio, que tamén se mantivo invariable con respecto a 2015. O regulamento de funcionamento deste servizo, desenvolvido pola Compañía de Tranvías, recolle que a concesionaria pode solicitar, se así o considera, a revisión dos prezos de forma anual.
Desta forma, a Xunta de Goberno local aprobou as tarifas para 2017, manténdose o prezo do billete ordinario en 1,30 euros (IVE incluído). Así mesmo, no caso da Tarxeta Xeral, que pode ser solicitada polos usuarios e usuarias do transporte colectivo, a achega do Concello será de 0,45 euros por traxecto, aboando as persoas viaxeiras 0,85 céntimos. No caso da Tarxeta Social, a Administración Local aportará 0,97 euros por billete, mentres que o ou a usuaria pagará 0,33 euros. No caso da Tarxeta Universitaria, as primeiras 240 viaxes terán unha subvención por parte do ente municipal de 0,52 euros, sendo o resto de desprazamentos de 0,45 euros. A Universidade da Coruña, pola súa banda, aboará 0,48 céntimos tamén nas 240 primeiras viaxes dos e das alumnas (aínda que a cantidade que aposta non medra, si o fai o número de traxectos que subvenciona). Os e as usuarias aportarán 0,30 euros por viaxe os primeiros 240 billetes, e 0,85 euros o resto.
O pasado 30 de novembro, a Xunta de Goberno local concedeu á Compañía de Tranvías unha prórroga da súa concesión até un máximo de dous anos, ao ter expirado esta en virtude do Regulamento número 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, que declarou a extinción das condicións adxudicadas sen procedemento de concorrencia competitiva antes do 26 de xullo de 2000 logo do transcurso de 30 anos. A normativa establecía, ao mesmo tempo, determinadas medidas a adoptar pola Administración para evitar consecuencias gravosas para o interese xeral que poderían derivarse dunha interrupción do servizo no período que vai dende a data de extinción legal da concesión até a adxudicación do novo contrato, como é o caso da activación dunha prórroga do servizo por un máximo de dous anos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible