9 de xaneiro de 2026
Poderán participar grupos de ata 30 integrantes, incluíndo a dous docentes, de clases de 5º ou 6º de primaria dos colexios públicos da cidade.
Dende o vindeiro luns 12 de xaneiro, e ata o día 31, permanecerá aberto o prazo de inscricións para os centros educativos que queiran optar a participar no V Intercambio Escolar Eixo Atlántico 2025-26 , que nesta ocasión levarase a cabo coa cidade de Guimaraes, no norte de Portugal. Unha vez inscritos a través da ficha específica, os colexios públicos interesados deberán presentar, antes do día 27 de febreiro, unha memoria con actividades propostas para facer na Coruña cando chegue aquí o alumnado escollido. Á súa vez, a clase coruñesa pasará tres días (entre abril e maio deste ano), con todos os gastos pagos, na poboación portuguesa, para coñecer a súa cultura e o seu patrimonio, e recibirá ao grupo de Guimaraes 3 días no seu centro.
A memoria debe ser remitida á dirección de correo electrónico educacion@coruna.gal. Terá unha extensión máxima de 20 páxinas con letra arial 11 e interlineado simple, e poderá ir acompañada de documentos gráficos explicativos. Tamén irá acompañada por unha folla inicial que incluirá: o nome e obxecto do proxecto, nome do centro educativo, nome do grupo ao que pertence o traballo (5º A, 6º C...), e o profesado responsable do mesmo.
Os proxectos deben incluír aspectos que promovan o coñecemento da cidade da Coruña e do grupo escolar coruñés ao grupo escolar portugués visitante e, especialmente, actividades na cidade e no centro educativo. Con este programa búscase facilitar o intercambio entre escolares dos diferentes municipios de Galicia e Norte de Portugal integrantes do Eixo Atlántico. Cada ano, efectúase un sorteo no que a cada poboación do Eixo tócalle outra, coa que efectúa o intercambio. O grupo escolar seleccionado deberá estar integrado, como máximo, por 30 participantes, contado a dous docentes (é dicir, un tope de 28 alumnos).
"Iniciativas como esta son primordiais, para transmitir a veciñanza e proximidade cultural ás persoas máis novas, mais tamén forman parte das apostas educativas do Goberno de Inés Rey", apuntou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.

10 de xaneiro de 2026

10 de xaneiro de 2026

7 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible