14 de setembro de 2026
A iniciativa municipal participa na categoría Social cun proxecto que ofreceu orientación laboral e asistencia a máis de 4.800 persoas
Hoxe abriu o prazo de votación do concurso "Europa Se Siente" 2026, impulsado polo Ministerio de Hacienda a través da Secretaría General de Fondos Europeos e no que o Concello participa como semifinalista co seu programa Coruña Suma, o proxecto de integración laboral na cidade que desenvolveu o Goberno de Inés Rey ata o ano 2023.
Trátase dunha iniciativa estatal para promover e poñer en valor programas e accións en todas partes de España que, coa axuda da financiación da Unión Europea, promoven o benestar e a creación de oportunidades en moi diferentes ámbitos (sociais, culturais, infraestruturas, innovación, sostibilidade...).
O Concello participa na categoría "Europa Se Siente: Social", na que participan un total de 9 proxectos. Os tres máis votados polo público irán á gran final, que terá lugar en Madrid a finais de ano, na que os responsables deberán facer unha defensa presencial da súa iniciativa.
Para votar, as persoas usuarias deben acceder á páxina do concurso, na web da Secretaría de Fondos Europeos, nesta ligazón. Una vez na páxina, poderán visualizarse os vídeos explicativos de todas as propostas, divididas por categorías. A continuación deberá premerse o botón "Ir a votación". Despois, é necesario introducir un enderezo de correo electrónico, onde recibirá unha ligazón para formalizar o voto, podendo elixirse unha proposta por categoría. O prazo estará aberto ata o próximo 27 de setembro ás 23.59 horas.
"O proxecto de Coruña Suma permitiunos axudar a moitas persoas a mellorar as súas vidas, facilitando novas oportunidades laborais e proxectos de crecemento persoal e profesional. É un labor fundamental que o Concello segue mantendo a través de novos programas de emprego como Éfeso", subliñou o concelleiro Juan Ignacio Borrego.
Coruña Suma
O proxecto Coruña Suma, impulsado polo Concello e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, naceu co obxectivo de mellorar a inclusión social e laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social na cidade. Entre 2018 e 2023, esta iniciativa desenvolveu itinerarios integrados e personalizados de inserción sociolaboral, combinando orientación laboral, formación especializada, prácticas en empresas e acompañamento individualizado.
A través do traballo coordinado entre os servizos municipais, entidades sociais e empresas colaboradoras, o proxecto atendeu a máis de 4.800 persoas e ofreceu orientación laboral personalizada a 3.523 participantes pertencentes a colectivos vulnerables, como persoas desempregadas de longa duración, inmigrantes, maiores de 55 anos, mulleres en situación de vulnerabilidade ou persoas con discapacidade. Esta actuación desenvolveuse especialmente en barrios con maiores índices de desemprego e desigualdade social, reforzando o traballo de proximidade e a atención directa á cidadanía.

28 de agosto de 2026

4 de xullo de 2026

2 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible