Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de agosto de 2026

Fillas de Cassandra protagonizarán unha das grandes noites da programación musical das Festas de María Pita

O dúo galego actuará o 13 de agosto ás 22.00 horas na praza de María Pita dentro do ciclo Noites de María Pita

As Noites de María Pita recibirán este xoves 13 de agosto a unha das formacións galegas con maior proxección do momento. Fillas de Cassandra actuarán ás 22.00 horas na praza de María Pita dentro da programación das Festas de María Pita 2026, nun concerto no que presentarán o seu novo traballo discográfico, 'Tertúlia'.

Formado polas músicas viguesas María SOA e Sara Faro, o grupo consolidouse nos últimos anos como un dos grandes referentes da música galega contemporánea, cunha proposta que combina electrónica, harmonías vocais, tradición e experimentación sonora.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia da actuación dentro da programación festiva deste ano. "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando polos proxectos musicais galegos que están a marcar o presente e o futuro da nosa creación cultural. Fillas de Cassandra representan talento, innovación e unha maneira propia de entender a música desde Galicia para o mundo", sinalou.

O concerto permitirá descubrir en directo as cancións de 'Tertúlia', o segundo álbum do dúo, un traballo no que amplían o seu universo sonoro e exploran novas formas de composición a través do diálogo entre a música tradicional, a electrónica contemporánea e unha escrita marcada pola ironía, a provocación e a intimidade. Tras o éxito de 'Acrópole', o disco co que se converteron nunha das grandes revelacións da escena musical galega, e despois da publicación de 'Hibernarse' en 2025, Fillas de Cassandra presentan agora un espectáculo renovado que transforma o escenario nun gran espazo de encontro colectivo.

Segundo explican as propias artistas, 'Tertúlia' concíbese como unha praza aberta á conversa, ao debate e á celebración comunitaria. O novo directo mantén a intensidade e a enerxía que caracterizan ao grupo e incorpora unha nova dimensión estética e sonora na que o público pasa a formar parte activa da experiencia.

Carlos Bau actuará este venres no Campo da Leña

A programación musical da semana completarase coa actuación de Carlos Bau, que actuará o venres 14 ás 20.00 horas no Campo da Leña. O artista presentará o espectáculo 'Las canciones que te sabes', unha proposta que reúne algúns dos grandes clásicos do pop español das últimas décadas, con temas de grupos e artistas como Mecano, Los Secretos, Radio Futura, La Guardia, Duncan Dhu, Hombres G, Revolver ou El Canto del Loco, entre outros.

Deste xeito, as Festas de María Pita ofrecerán os días 13 e 14 de agosto unha dobre cita musical que combinará a creación galega máis actual coa revisión dalgúns dos grandes éxitos da música popular en español.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión