Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de maio de 2016

José Manuel Sande destaca "o carácter festivo" e o "arraigamento popular" da festa de San Xoán, cuxo programa inclúe concertos e actividades infantís

O concelleiro de Culturas lembra que “moitas figuras contribuíron á difusión da festa”, e afirma que se trata dunha “celebración que pertence a toda a cidadanía da Coruña”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste venres no Pazo de María Pita o cartel e programa de San Xoán 2016, que destaca o carácter tradicional dunha festa “cun grande arraigo popular entre a veciñanza” e que “se rodeará de numerosas actividades complementarias”. Neste sentido, Sande salientou que o Goberno local introducirá “elementos máis lúdicos e celebratorios”, como os concertos de Sons de San Xoán ou ampliación do San Xoán Pequeniño, “para favorecer a creación fundamentalmente local e galega”, e avanzou que o prendido da falla “terá simbolismo e conexión coa cidadanía”. Á vez, o edil anunciou que se manterá a actividade tradicional da festa, como as cacharelas nos principais areais da cidade e nos barrios, a solta dos globos, “de gran poder estético e simbólico”, a queima da falla ou o disparo pirotécnico. O concelleiro tamén salientou un aforro orzamentario na celebración, cuxos gastos pasarán a ser “de máis de 350.000 euros a 200.000”, explicou.

A programación arredor da Noite Meiga comezará o venres 17 de xuño, coa celebración do San Xoán pequeniño, “unha programación infantil que axuda a descentralizar a festa por toda a cidade e que representa unha alternativa de ocio e cultural positiva, cun imporante compoñente local e que ten unha grande aceptación”, explicou o responsable de Culturas. A actividade percorrerá desde o día 17 ate o xoves 23 de xuño 14 prazas con distintos espectáculos, e instalarase durante a xornada do día 24, desde as 12 da mañá, na praza de María Pita, onde que se sucederán distintas actuacións ata as 20.15 horas, na que o espectáculo Sons Miúdos pechará o festival.

Na noite do 23 ao 24, despois da queima da falla ás 00.00 horas, o Concello programará Sons de San Xoán, un festival de concertos de “artistas fundamentalmente locais e de gran representatividade”, destacou Sande, entre os que se atopan “dous grupos míticos e que representan perfectamente o espírito lúdico e celebratorio de San Xoán, como son Siniestro Total e Os Diplomáticos de Monte Alto”, mantendo así, segundo indicou, a liña do Goberno local de “apoio á creación local de distintas épocas”. Abrirá a noite a banda local Bastards (00.15 - 01.15 h) para dar paso a Siniestro Total (01.30 h - 02.15 h). A continuación Os Diplomáticos de Monte Alto pecharán a noite de celebración cun concerto desde as 02.30 h ata as 04.00 da mañá.

Para dar a coñecer a programación, o Concello porá á disposición da cidadanía 10.000 dípticos informativos e unha web específica, que estará dispoñible desde o luns 23 de maio, na que poderá coñecerse as actividades programadas e os seus horarios, así como os ritos e tradicións da festa de San Xoán. Pola súa parte, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema -que tamén participou na presentación- destacou o labor de promoción que se fará da cidade mediante esta festa no Consorcio de Turismo.

A preguntas dos medios, o concelleiro informou de que a Asociación Hogueras de San Juan -de cartácter particular- percibiu, no ano 2015, “uns 150.000 euros” das arcas municipais para a celebración da festividade, “que incluía, sen permiso, a propia explotación das barras das verbenas situadas na explanada de Riazor”, acto que Sande cualificou de “circunstacia anómala”. Non obstante, o concelleiro sinalou que o executivo municipal “non prohibiu” ningún acto deste colectivo, senón que “como se lles comunicou, fixo axustes na coordinación que require unha festa tan grande como San Xoán”, para evitar duplicidades e solapamento coa actividade municipal.

“Non se poden confundir iniciativas particulares co espírito lúdico e celebratorio que debe ter unha celebración como San Xoán, que pertence a toda a cidadanía, e non a un grupo concreto”, engadiu Sande, antes de lembrar que “son moitas as persoas que contribuíron á difusión de San Xoán, unha festa cun importante compoñente de arraigo popular”.

Documentos:

Bando Alcaldía San Xoán (PDF) (1 MB)

Programación San Xoán Pequeniño (PDF) (4 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión