27 de outubro de 2016
O Concello abordará obras de reparación na zona norte de San Amaro, ademais de no lateral do cemiterio coa rúa Rafael Baixeiras, e devolverá a visibilidade do monumento ás vítimas da folga obreira de 1901 “para darlle o tratamento e a dignidade que merece”
O Concello da Coruña está realizar estes días tarefas de pintado e limpeza integral dos cemiterios municipais da cidade de cara a súa "posta a punto" para a celebración do Día de Defuntos, o próximo martes, 1 de novembro, xornada de gran afluencia a estes espazos. A Concellería de Medio Ambiente desenvolve estas actuacións, que como indica a súa titular, María García, marcarán o punto de inicio "dun proceso de abordaxe de traballos de maior relevancia nos próximos meses". En concreto, está previsto abordar distintas actuación no cemiterio municipal de San Amaro, que afectarán a unha das zonas de ampliación da parte norte do recinto, ao lateral sur e ao que se coñece como Cemiterio Civil (imaxe adxunta). Entre a realización dos proxectos de actuación --que se atopan xa, na súa maioría na fase de análise-- e as obras, o Goberno local investirá máis de 282.000 euros. "O obxectivo é continuar co plan de reparacións que estamos levando a cabo de forma gradual ano tras ano, tendo en conta as características e especialidades desta contorna, que non só é un lugar onde moitas familias coruñesas teñen aos seus seres queridos, senón tamén un punto de altísimo valor patrimonial e turístico", destacou a concelleira.
Así, Medio Ambiente pretende abordar de xeito inminente o proxecto de reparación integral da denominada zona da terceira ampliación do cemiterio de San Amaro, un sector que ocupa uns 2.460 metros cadrados e ao que a concellería está en disposición de destinar máis de 222.000 euros. "O cemiterio é moi grande, polo que as actuacións teñen que abordarse de forma progresiva. Con esta en concreto, estableceremos un prototipo de intervención que sirva de guía e poida extrapolarse a futuras actuacións no resto do camposanto", sinala a responsable municipal. "Ao situarse nun extremo de San Amaro, non interfire no desenvolvemento doutros traballos paralelos, como o que se pretende abordar no lateral sur, que dá á rúa Rafael Baixeiras", explica.
Nesta zona, que conta con dez bloques de nichos, a concellería ten previsto levar a cabo, como intervencións mínimas, a impermeabilización das cubertas, a canalización das mesmas e a posta en servizo da rede de evacuación de pluviais, así como a renovación do pavimento e a reparación das fendas da fachada.
Acceso lateral sur de San Amaro
Por outro lado, Medio Ambiente tamén proxecta abordar outro proxecto construtivo de obras de mellora no acceso do lateral sur do cemiterio desde a rúa Rafael Baixeiras, sendo a partida destinada a obra de máis de 34.000 euros. A titular de Medio Ambiente destacou que esta intervención deriva "da petición de parte da veciñanza da zona, que solicitou un incremento en altura do peche lateral do cemiterio".
Ademais destas accións, o Goberno local ten previsto trasladar, xa no interior do cemiterio, o recinto no que se gardan actualmente os contedores de residuos sólidos urbanos cara ao xardín exterior situado xunto ao acceso. "Actualmente, o bloque de formigón no que se gardan estes contedores ocupa e desmerece un símbolo da cidade que debe ter maior presenza e relevancia", sinala a edil, ao refererise ao monumento ás vítimas da folga do 20 e 31 de maio de 1901, a primeiro paro xeral da historia do movemento obreiro galego. O Concello procederá á demolición da masa de formigón e creará, no seu lugar, un alcorque axardinado no que se plantará unha nova árbore, "non só para poñer en valor este monumento, senón para devolverlle o tratamento e dignidade que se merecen as vítimas da loita obreira", expón a edil.
A alternativa ao recinto de formigón será a construción dun novo espazo, que estará semisoterrado, no talude do xardín exterior. A nova estrutura, que albergará entre 8 e 10 contedores de 800 litros cada unidade, contará cun deseño "coidado", indica a responsable municipal, "tanto no punto de vista estético como funcional".
Cemiterio civil
As actuacións inmediatas a abordar con respecto á reparacións dos cemiterio municipal de San Amaro complétanse coa licitación dun proxecto de documentación e análise exhaustivo do denominado como Cemiterio Civil. "Aínda que en concreto esta zona se atopa nun estado aceptable, é preciso ter toda a información posible sobre a mesmo, por se nun futuro fose preciso levar a cabo novas intervencións", explica García. Deste modo, será necesaria a realización dun levantamento taquimétrico que reflicta todos os elementos existentes no cemiterio --camiños, nichos, ubicación de cada sepultura ou exemplares arbóreos-- e a elaboración gráfica que amose, a través de plantas, alzados e seccións, esta realidade --a posición dos enterramentos, situacións das instalacións visibles, vexetación existente--.
Posta a punto
Á marxe destas actuacións de calado, e cara á xornada do 1 de novembro, a Concellería de Medio Ambiente abordou unha limpeza integral dos chans e cubertas nos cemiterios de San Amaro e Oza, ademais da instalación dunha nova sinalética neste último espazo. Esta posta a punto completarase o próximo venres, día 28, cando o Concello proceda á instalación de baños públicos nos dous recintos.

17 de decembro de 2025

13 de decembro de 2025

11 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible