Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de maio de 2019

O Goberno local culminou tamén dous procesos de participación e diálogo coa aprobación do plan de usos e xestión das Naves do Metrosidero e a ratificación do novo regulamento para a Policía Local

O alcalde salienta a aprobación en Xunta de Goberno local de proxectos "cun grande impacto no espazo público e na calidade de vida" e que foron acordados coa veciñanza

Ferreiro compareceu tras a reunión do executivo local que deu luz verde á licitación do derrubo do viaduto da Rolda de Nelle e do patio cuberto do CEIP San Francisco Xabier, así como o visto bo aos proxectos de aprobación inicial para completar a urbanización no Ofimático e da modificación puntual do PXOM no Parque da Agra

O alcalde da Coruña. Xulio Ferreiro, deu conta esta mañá dos asuntos tratados en Xunta de Goberno local ordinaria, na súa maioría "proxectos que van ter impacto no espazo público, que van a traducirse nunha mellora da calidade de vida da cidadanía e a protexer o patrimonio histórico e arquitectónico". Tal e como sinalou o rexedor, o Goberno local deu hoxe impulso a diversas iniciativas con impacto en diferentes barrios da cidade que "veñen cumprir os compromisos aos que se chegou con diversos colectivos, entidades veciñais e cidadanía para deixalas encamiñadas antes do remate do mandato", como son a aprobación de gasto para a demolición do viaduto de ronda de Nelle e para a construción dunha cuberta no patio do CEIP San Francisco Xabier, entre outros asuntos.

A reunión do executivo local avanzou tamén no obxectivo de dotar o Ofimático de todos os equipamentos e recursos precisos para transformar o polígono nun barrio máis da cidade coa aprobación inicial do proxecto de finalización das obras de urbanización que restan por acometer na parte residencial da marxe esquerda de Lavedra, "e que veñen a completar as obras que se fixeron ata o momento e que eran imprescindibles para dotar de licenzas de primeira ocupación os edificios construídos, que xa están habitados". Este proxecto, que foi elaborado polo departamento municipal hai meses e remitido ás empresas subministradoras, que informaron de xeito favorable, terá agora un período dun mes de exposición pública e, en paralelo, iniciaranse os procedementos necesarios para que o proxecto conte cos informes sectoriais pertinentes doutras administracións, como é o caso de ADIF ou a Dirección Xeral de Estradas. Unha vez rematados con estes trámites e resoltas as alegacións que poidan xurdir, poderase iniciar a fase de contratación das obras.

"Tamén cumprimos co compromiso ao que chegamos cos veciños e coas veciñas da Rolda de Nelle de deixar licitada a obra de derruba do viaduto antes de fin do mandato. Unha obra moi importante e demandada, con moito impacto na zona de Santa de Margarita e da Agra do Orzán que vai a reurbanizar o cruce entre a ronda de Nelle e a avenida de Fisterra que vai a levar consigo a desaparición do viaduto", explicou o alcalde. Esta obra, que inicia así o procedemento de licitación cun orzamento de 1.197.097,27 euros e un prazo de execución de doce meses, foi falada e presentada á veciñanza para darlle a coñecer as fases e tempos da actuación. Ao pé desta autorización do gasto, o alcalde explicou outro dos proxectos abordados na Xunta do Goberno local e que responden tamén a un compromiso coa comunidade educativa do CEIP San Francisco Xabier. "Non foi fácil asegurar a obra para ter un patio cuberto despois de ter que modificar o proxecto polos informes de Augas de Galicia respecto do paso do río Monelos, houbo que delimitar por onde pasaba o río, que estaba sen cartografar á altura do colexio. Pero o certo é que hoxe podemos iniciar a licitación das obras do patio cuberto, o último compromiso de patios cubertos que lle quedaba por cumprir ao Concello da Coruña e que vén a cubrir unha necesidade ca comunidade educativa, dos nenos e das nenas que non tiñan un lugar de calidade onde pasar os tempos de lecer en días de chuvia", detallou. A actuación ten un orzamento de 393.400 euros e un prazo de execución de tres meses.

Parque da Agra

Entre os trámites urbanísticos aos que deu resolución esta mañá a Xunta do Goberno Local, Ferreiro salientou tamén a aprobación "dun paso moi importante para poder dotar o barrio da Agra do Orzán do parque do Observatorio". Trátase do proxecto de modificación puntual do PXOM no ámbito do Parque da Agra, e que houbo tamén que levar a cabo en base a unha sentenza do Tribunal Supremo en contra do plan xeral de 2013 que obriga a excluír do ámbito as parcelas das Adoratrices. A proposta municipal, en base a esta sentenza, exclúe do polígono 6.200 metros cadrados pero nela "aprovéitase para atender unha demanda recorrente nos núcleos tradicionais da cidade, que é non arrasar coas características urbanas destes núcleos e para que poidan pervivir na súa configuración as partes máis tradicionais dos nosos barrios, que foron núcleos diferenciais e que hoxe están integrados na cidade, como é o caso do Camiño do Pinar, e que as propostas do PXOM as levaban á súa desaparición". Con este trámite, o Goberno local tamén levou a cabo unha redución da edificabilidade no ámbitos, que supón que os desenvolvementos do parque se rebaixen a oito pisos, fronte aos dous bloques de 12 pisos que permite actualmente o PXOM, "polo que a calidade urbana dunha zona xa moi densa como a Agra do Orzán vai gañar respecto do que estaba previsto".

Ferreiro deu tamén a coñecer a información dos títulos habilitantes e licenzas xestionadas pola Concellería de Rexeneración Urbana nas últimas semanas, como é habitual. Entre o 15 e o 26 de abril aprobáronse un total de 181, das que 28 foron licenzas urbanísticas, 93 para obras en réxime de comunicado, 40 para o exercicio de actividades en réxime de comunicación previa, 13 para o exercicio de actividades en réxime de declaración responsable e outras 7 licenzas.

Plan de usos das Naves do Metrosidero e regulamento da Policía Local

Noutro orde de asuntos, a reunión do executivo local tamén aprobou na sesión deste venres o plan de usos e mecánicas de xestión do espazo das Naves do Metrosidero, un proxecto impulsado pola Concellería de Participación e Innovación Democrática co obxectivo de dotar á cidade dunha serie de equipamentos dirixidos especificamente á mocidade e que se sitúa nos terreos da antiga Comandancia de Obras. Como lembrou Ferreiro, o plan de usos acordouse a través dun proceso participado no que estiveron mozos e mozas da cidade, centros educativos e outras entidades e no que o alumnado do Calvo Sotelo, a través do convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e o Concello, vai colaborar para o deseño do mobiliario e dos elementos interiores das Naves. O documento aprobado hoxe rexerá a xestión cooperativa do novo parque do Metrosidero, "que será un gran espazo de encontro da mocidade na Coruña e que terá áreas para o lecer, para actividades culturais, para practicar deportes urbanos e tamén un espazo de xestión do Concello", sinalou Ferreiro.

Por último, o rexedor deu conta da aprobación do primeiro regulamento da Policía Local dende o ano 1983, que se adapta á actual Lei de Policías Locais de Galicia; un documento que deberá ser ratificado polo Pleno municipal, e que tamén é froito de "moito diálogo coa Policía Local e os sindicatos, co que está acordado". Este texto regula cuestións que até o de agora non estaban referidas de forma oficial, tanto no que atinxe aos dereitos e deberes do persoal funcionario do corpo como á protección do mesmo fronte a riscos laborais, xestión de horas extras ou conciliación. A mobilidade, a valoración de méritos e a asignación de destinos son outras das cuestións que quedan xa definidas neste novo regulamento que foi negociado con todas as partes implicadas, tanto coa xefatura do corpo municipal como coas centrais sindicais con representación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión